O ex edil socialista na Coruña Juan Díaz Villoslada ficha por Sumar: "No PSOE falta ética e coherencia"

Villoslada ocupou diversos cargos ao longo dos anos no seo do PSdeG-PSOE. Foi xefe do servizo de Persoal e director de Facenda e Interior do Concello da Coruña entre 2000 e 2012 e deputado polo PSdeG no Parlamento da Galiza entre 2016 e 2019.

Villoslada
photo_camera Juan Díaz Villoslada (Foto: Nós Diario).

O que até marzo de 2022 fora concelleiro de Urbanismo polo PSOE na cidade da Coruña, Juan Díaz Villoslada pasa a formar parte do proxecto de Yolanda Díaz, Sumar.

O ex edil socialista xa solicitara previamente a súa baixa do PSOE por discrepancias coa dirección do partido. Fixérao a través dun comunicado en que mostrou gran dureza coa que xa é a súa ex formación política.

No comunicado, Villoslada lamentou a ausencia de principios fundamentais como a "ética", a "coherencia" e o "servicio público" no seo do PSdeG-PSOE.

Villoslada foi xefe do servizo de Persoal e director de Facenda e Interior do Concello da Coruña entre 2000 e 2012, xerente da Universidade da Coruña no período 2012-2016 e deputado polo PSdeG-PSOE no Parlamento da Galiza entre 2016 e 2019. Entre ese ano e 2022 foi concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade.

"Un paso complexo"

O ex edil socialista recoñeceu que dá un paso complexo porque vén dun partido cunha longa tradición política tras o seu proceso de tres anos de "desafección do PSOE na cidade da Coruña e Galiza". Engade que non comparte as políticas e as "formas de facer" dun partido "moi fechado na súa endogamia".

Comentarios