Entrevista

Eva Solla (EU): "A fórmula máis útil para as eleccións galegas é repetir o acordo a tres das estatais"

Eva Solla (Vigo, 1984) é a coordinadora de Esquerda Unida (EU) na Galiza. Deputada na Cámara galega nas dúas pasadas lexislaturas, analiza para Nós Diario o actual momento político e o proceso de conformación dunha candidatura entre a súa formación e Sumar e Podemos para os vindeiros comicios ao Parlamento galego.

A viguesa Eva Solla, coordinadora nacional de EU. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A viguesa Eva Solla, coordinadora nacional de EU. (Foto: Nós Diario)

Como valoran desde EU o actual momento político e con que perspectiva enfrontan o proceso das eleccións galegas?
Galiza leva acumulando anos de deterioro a nivel social e económico como consecuencia dos últimos Gobernos do PP con maioría absoluta que implicaron perdas de emprego industrial, deterioro dos servizos públicos e retroceso dos dereitos sociais. Pola tanto é unha necesidade que as organizacións de esquerdas formulemos alternativas capaces de ofrecer unha proposta para resolver os problemas da Galiza.

Nós propomos desde o inicio que a fórmula máis axeitada neste momento, sobre todo tendo en conta os escasos límites temporais que temos, é repetir o acordo de coalición que formalizamos para as pasadas eleccións estatais con Podemos e Sumar, entendendo que é positivo unir forzas para que o conxunto da esquerda federalista e progresista no país conte cunha opción única coa que concorrer nestes vindeiros comicios, co obxectivo de evitar que a dereita continúe no Goberno.

—Sinala chave a articulación dunha alternativa unitaria da esquerda federal, sobre que eixos programáticos entende que se debe conformar?
Hai varias cuestións urxentes sobre as que debemos traballar. Unha delas é un tema no que traballei no Parlamento durante anos: a situación da sanidade pública, fundamentalmente da Atención Primaria, onde estamos nunha situación de emerxencia, cuns cadros de persoal cada vez máis reducidos polas xubilacións.

Outro tema central é o problema da vivenda no noso país. O PP leva anos sen facer uso das súas competencias en materia de vivenda, sendo esencial que o Goberno constrúa vivenda pública en aluguer, porque temos unha escala de prezos que fai insoportábel acceder a ela para a maioría dos galegos e das galegas. Ao tempo é fundamental a situación da industria e do traballo na Galiza, após perder nos últimos anos 40.000 empregos industriais.

—Indicaba antes que desde o primeiro momento EU viña apostando por unha alternativa unitaria da esquerda federalista, cal é a valoración que fan desde a súa formación do proceso de negociación con Sumar e Podemos e en que situación están as conversas?
Nós xa manifestamos a nosa preocupación polo atraso que levan as negociacións. Neste sentido, levamos moitos meses urxindo chegar a un acordo en base a dotar de métodos democráticos o proceso de toma de decisións para evitar que os disensos, como os que están acontecendo a nivel de Estado, poidan malograr o proceso, e de fixar unha representación equitativa das distintas forzas políticas.

É necesario centrarse xa na elaboración do programa e no proceso de elección dos candidatos e das candidatas, algo que se está atrasando. Somos unha forza federalista, entendemos que o resto de forzas coas que negociamos tamén o son, e nese sentido chamamos a responsabilidade de non trasladar  Galiza un conflito que aquí non hai. Creo que non se entendería que aquí non chegásemos a un acordo a tres porque se trasladasen conflitos do grupo do Congreso.

—Referíase agora e así se formulou desde un comezo por EU e Podemos dun acordo a tres para a candidatura das eleccións galegas, iso significa que a coalición non está aberta á incorporación de novos actores?
A fórmula máis útil para as eleccións galegas é repetir o acordo a tres das estatais. Evidentemente pode haber unha representación de forzas partidarias ou sociais máis pequenas que se poden integrar na propia candidatura. E nun principio o movemento Sumar tamén integra algunhas desas pequenas candidaturas. Así, nese sentido, estaría garantida a pluralidade política.

Un candidato de consenso para a Xunta

A coalición entre Esquerda Unida, Sumar e Podemos aínda ten por diante un longo camiño. Nesta liña, Eva Solla apela á “responsabilidade” dos diferentes actores políticos para fechar unha proposta programática e conformar as candidaturas. Solla entende que as candidaturas deben conformarse en base ao que representan politicamente Esquerda Unida, Sumar e Podemos, pero abre a porta á incorporación nas mesmas de persoas referenciais do ámbito social e sindical.

A coordinadora de Esquerda Unida explica que “dentro do propio marco da coalición sería importante que haxa acordo entre as diferentes forzas políticas sobre que debe ser a persoa que lidere a candidatura á Presidencia da Xunta da Galiza”. Nesta liña, entende que “o candidato ou candidata debe ter unha bagaxe na militancia política ou social para dar solvencia a esa candidatura”.

Comentarios