Sumar exclúe Podemos da candidatura para as eleccións galegas

A formación de Paulo Carlos López presenta hoxe a súa promotora.

leiceaga_villoslada_caballero_coinciden_rianxo_cancela_subraya_neutralidad
photo_camera Villoslada, á esquerda, competiu con Caballero, á dereita, para liderar a candidatura do PSdeG en 2017. (Foto: Europa Press).

O que fora concelleiro de Urbanismo na Coruña Juan Díaz Villoslada anunciou na xornada de onte a súa incorporación a Sumar. A alta na formación dirixida na Galiza por Paulo Carlos López faise efectiva só un día despois de darse de baixa no PSdeG. O movemento formalízase tras transcender que Sumar non conta con Podemos na súa candidatura para as eleccións galegas.

Villoslada explicou o seu salto a Sumar porque se trata dun proxecto que “aglutina sensibilidades progresistas” para abordar “un proxecto de transformación e de cambio progresista da Galiza”. Neste sentido, recoñeceu que o seu acordo de incorporación á formación formalizouse na terza feira e que “non se podía demorar” á vista do calendario electoral dos comicios galegos, cuxo desenvolvemento está previsto para mediados de febreiro.

O antigo deputado e concelleiro socialista cargou na súa saída do PSdeG contra a dirección coruñesa e galega do partido. A este respecto, sinalou que abandonou as filas socialistas pola ausencia de principios como a “ética”, a “coherencia” e o “servizo público”. Nesta dirección, recoñeceu que “levaba tempo madurando a decisión de darme de baixa da militancia do PSOE na Galiza e, neses momentos, xorde unha chamada de Sumar para ver se me incorporo á participación no grupo promotor”.

Villoslada apostou por facer de Sumar “un proxecto de longo percorrido, de Goberno a 10 anos para tentar reconstruír un espazo progresista amplo”. Nesta liña, será un dos nomes do grupo promotor da organización, cuxa composición completa se coñecerá hoxe e que non contará con presenza de representantes orgánicos de Esquerda Unida nin Podemos, pola negativa de Sumar a avanzar na conformación da coalición electoral.

Podemos

A presentación da promotora de Sumar formalízase tras revelarse que a organización de Yolanda Díaz non conta con Podemos para a súa candidatura para os comicios galegos. Neste sentido, fontes do partido morado sinalaron a Nós Diario que desde Sumar néganse a manter conversas, até o punto de que o pasado domingo negáronlles a participación nunha reunión á que foran previamente convocados. Neste contexto, non desbotan ningunha posibilidade de cara os comicios galegos. 

EU, convidada, tamén, á referida reunión, confirma a versión de Podemos. A este respecto, membros da primeira formación apuntaron a este medio que os responsábeis de Sumar xustificaron o seu veto ao diálogo con Podemos pola ruptura do grupo parlamentario no Congreso e lamentaron que se trasladaran a Galiza dinámicas de fóra. Neste punto, aseguran que a exclusión de Podemos obriga a reformular a súa proposta de concorrencia ás galegas.

Teresa Táboas desbota encabezar a candidatura

Sumar rexeita responder ás críticas formuladas desde EU e Podemos para “non aumentar o ruído” pero avanza que na súa promotora contarán con representantes de todo o espazo da "esquerda federal e plurinacional" da Galiza. O gran reto de Sumar é definir a candidatura á presidencia da Xunta da Galiza, tras a negativa de diversas persoas, como a arquitecta Teresa Táboas, a cabeza de cartel preferida por Yolanda Díaz.

Comentarios