Estas son as portas xiratorias entre a Xunta da Galiza e as empresas do sector eólico

As portas xiratorias mandan no sector eléctrico galego. O camiño de volta desde a Xunta da Galiza a postos directivos das compañías enerxéticas é doado de seguir desde a chegada de Manuel Fraga á Presidencia do Goberno galego en 1989. O caso de Beatriz Mato non é ningunha excepción neste panorama.
Carlos del Álamo, Antonio Couceiro e Beatriz Mato (Europa Press).
photo_camera Carlos del Álamo, Antonio Couceiro e Beatriz Mato (Europa Press).

Beatriz Mato é un caso paradigmático de portas xiratorias na Galiza. Ligada ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) desde 1994, responsábel da súa delegación territorial na Coruña a partir de 2000, delegada da Consellaría de Pesca na Coruña entre 2002 e 2005, parlamentaria autonómica entre este último ano e 2009, conselleira de Traballo e Benestar nos dous primeiros Gobernos de Feixoo, conselleira de Medio Ambiente entre 2015 e 2018, saltou á dirección de Greenalia en 2020, após unha tentativa frustrada de acadar a Alcaldía da Coruña.

Mato foi obxecto de duras críticas polo movemento ecoloxista en 2017, após librar o seu departamento á empresa Greenalia de diversos trámites para axilizar a construción dunha planta de biomasa desa compañía en Teixeiro (Curtis). O proxecto, que contou con apoio financeiro da Unión Europea, foi "librado" pola Consellaría de Medio Ambiente de "someterse ao proxecto de avaliación do impacto ambiental común", ao "non consideralo necesario". Anteriormente a Xunta da Galiza mudou a lexislación en materia de plantas de biomasa para darlle encaixe legal ao proxecto presentado por Greenalia.

Beatriz Mato non foi a primeira conselleira de Medio Ambiente da Xunta da Galiza en saltar a unha empresa do sector forestal e enerxético. Anteriormente, fichou por Ence Carlos del Álamo, responsábel de Medio Ambiente do Goberno galego entre 1997 e 2003. Del Álamo é membro do consello de administración da compañía desde 2009.

Antonio Couceiro

O conselleiro de Industria e Comercio entre 1994 e 1999, Antonio Couceiro, partilla responsabilidades directivas en Greenalia. Director  de Xestur na Coruña entre 1981 e 1990, director xeral de Formación e Emprego entre 1993 e 1994, senta do consello de administración da eléctrica desde 2017. Couceiro, máximo responsábel da Cámara de Comercio da cidade e do Deportivo, dirixiu a política enerxética da Galiza nos primeiros anos do despregue das renovábeis no país.

O director xeral de Industria de Couceiro, Joaquín del Moral Crespo, mantén lazos de vello co negocio eólico. Del Moral, director xeral de Industria con Juan Fernández, primeiro conselleiro do ramo de Fraga, con Couceiro e co seu sucesor Juan Rodríguez Yuste, mantívose á fronte da política eólica galega durante a práctica totalidade da década de 90, até o seu cese en 1999. Neste sentido, está considerado como un dos grandes deseñadores da política enerxética galega nese período, sendo significativa a súa presenza na Xunta da Galiza con tres conselleiros diferentes.

Joaquín del Moral Crespo está ligado a diversas empresas do sector enerxético. Actualmente, exerce de conselleiro en Somozas Energías Renovables, sendo o máximo responsábel de Técnicas Energéticas Renovables y Ambientales, empresa que participa de Gabinete Energético, propietario de 30% do capital do parque eólico das Somozas. Precisamente, nesta compañía é socio de Ignacio Aguiriano Ramudo, impulsor e accionista de Estela Eólica, unha das grandes triunfadores do concurso eólico de 2010, conseguindo 186 megawatts, tras propor un plan industria para construír unha planta de tratamento de residuos sólidos urbanos e cinco plantas de transferencia.

Joaquín del Moral

O sucesor Joaquín del Moral á fronte da Dirección Xeral de Industria da Xunta da Galiza, Ramón Ordás Badia, tamén atopou acubillo nunha empresa enerxética após abandonar o Goberno galego en 2005. Así, tras a derrota de Manuel Fraga foi nomeado director de Endesa en Portugal, unha das compañías cuxos resultados económicos dependeron das súas xestións na administración.

Ordás Badia, cuñado de Luís Castro Valdivia, un dos empresarios máis beneficiados polas concesións eólicas nese período e actual propietario de Ecoener, rematou imputado polo seu papel na coñecida como “trama eólica” do Goberno de Fraga, ficando posteriormente libre de cargos.

Un problema de fondo

A presenza de responsábeis públicos á fronte de empresas enerxéticas explica o poder real das compañías enerxéticas. Se no Estado ocuparon postos nas mesmas políticos como José María Aznar ou Felipe González, a situación repítese na Galiza. A ausencia dunha normativa axeitada favorece as portas xiratorias.

Comentarios