O comisario de Pesca da UE solicita evitar dar "falsas esperanzas" á frota

Sinkevicius nega unha "axenda oculta" tras o veto.
Virginijus Sinkevicius, esta quinta feira na Comisión de Pesca da Eurocámara (Foto: Parlamento Europeo).
photo_camera Virginijus Sinkevicius, esta quinta feira na Comisión de Pesca da Eurocámara (Foto: Parlamento Europeo).

"No futuro tense que evitar unha situación na que se lle dean falsas promesas ao sector, a promesa de que hai unha solución, de que hai unha posibilidade de mellora das artes, e que despois quede en nada", desta forma apagou as esperanzas dunha revisión do veto á pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico na Comisión de Pesca da Eurocámara o comisario de Pesca da Unión Europea (UE), Virginijus Sinkevičius, quen afirmou que "non hai ningunha axenda oculta" en referencia ás acusacións de priorizar determinados intereses nesta decisión.

Francisco Millán Mon (PP) declarou que “de forma paradoxal, os dous meses tras a súa entrada en vigor permitiron constatar que o segmento da frota máis afectado é, o de menor impacto no leito mariño: os buques que pescan con artes fixas como o palangre ou o volante".

“En calquera caso, señor comisario, pídolle que rectifique axiña que reciba o novo ditame do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), que se espera para o 16 de decembro”, dixo. "Esa avaliación non depende do comisario", retrucou Sinkevičius ao respecto, para despois sinalar que non pode "meterlle présa aos científicos para que fagan o seu traballo máis rápido".

Ana Miranda (BNG) criticou a toma de decisións "sen ter en conta a súa dimensión social". A medida "afecta a 200 barcos de capital directamente galego e 900 de forma indirecta, con máis de 4.000 tripulantes afectados", explicou, incidindo na afectación sobre "toda a cadea da pesca".

“Avalíen as estatísticas e os indicadores a nivel europeo con datos socioeconómicos, científicos e medio ambientais fiábeis e suficientemente significativos”, manifestou a eurodeputada. "O aspecto socio-económico é fundamental para min", contestou o comisario. Miranda reiterou a proposta de manter un encontro bilateral, e Sinkevičius manifestou a súa dispoñibilidade.

O ministro de Pesca español, Luis Planas, afirmou que o Goberno estatal traballa coa Comisión Europea para "corrixir a situación producida" polo veto á pesca de fondo. Así o fixo na reunión da Mesa da Ciencia Pesqueira, onde erixiu a Vigo como "a capital pesqueira da UE".

Coeficientes redutores

O deputado do BNG, Néstor Rego, reclamou onte a través das emendas rexistradas ao Proxecto de Lei de Pesca Sustentábel e Investigación Pesqueira, o recoñecemento de coeficientes redutores ao persoal funcionario do Servizo de Gardacostas da Galiza e aos Mostradores do Mar, así como ás persoas traballadoras do mar como as percebeiras, os mariscadores a mergullo, as redeiras ou os mexilloeiros.

Comentarios