O PP quer mais "axilidade" do Estado para tramitar eólicos na Galiza: hai 275 proxectos en tramitación

Presentou unha proposición non de lei —que se votará esta sexta feira— na que se insta o Goberno español "a asumir un acordo de colaboración coa Xunta para facilitar a tramitación dos parques eólicos de tramitación ministerial"
656 megawatts teñen luz verde por parte do Goberno español (Foto: Europa Press).
photo_camera (Foto: Europa Press).

O Partido Popular da Galiza quere meter unha marcha máis na tramitación de proxectos eólicos no país, involucrando o Goberno estatal —competente naqueles que teñan máis de 50MW— e acudindo ao argumentario de que sde precisa enerxía eólica para a industria galega.

Neste sentido, o PP presentou unha proposición non de lei —que se votará hoxe— na que se insta o Goberno español "a asumir un acordo de colaboración coa Xunta para facilitar a tramitación dos parques eólicos de tramitación ministerial", así como "garantir axilidade na tramitación dos proxectos eólicos cuxa autorización é competencia estatal". Na proposta, o Partido Popular afirma que hai 275 expedientes que se están a tramitar actualmente a Xunta "pola decisión do Goberno de España de estabelecer uns prazos moi axustados para que os promotores eólicos poidan acadaran a correspondente avaliación ambiental e autorización administrativa".

Desde 2020, a Administración galega ten autorizado 17 parques eólicos que suman 357,66MW de potencia, afirman os populares na proposta que defendeu José Balseiro, que incidiu na importancia dos parques eólcios para fornecer de electricidade a proxectos como Alcoa.

"Non son de fiar"

Patricia Otero, do PSdeG, acusou a Xunta de "non facer nada" nestes anos en tramitación eólica e "agora éntranlle as présas". A deputada socialista instou a Xunta a que "faga ben os informes" sobre os proxectos eólicos, no canto de culpabilizar o Goberno do Estado.

Pola súa parte, Luís Bará (BNG) dixo que malia as "escaramuzas" entre o PP e o PSdeG, "están de acordo" no esencial sobre o desenvolvemento eólico na Galiza. 

O deputado nacionalista cargou con dureza contra o PP, "non son vostedes de fiar, son os comerciais das grandes eléctricas", e  preguntou por que Aragón si vai obter beneficios do Estado por ser produtor de enerxía renovábel mais a Galiza non. "Até Fernando González Laxe —ex presidente da Xunta— di que o prezo da enerxía aquí debería ser máis barato por sermos produtores". 

Bará acusou o PP de realizar até 62 modificacións na Lei de aproveitamento eólico e sempre en beneficio das empresas.

Comentarios