Rueda, un dos favoritos para suceder Feixoo, elude dar pistas sobre o seu futuro

O vicepresidente primeiro da Xunta, a quen fontes do PPdeG sitúan como favorito para substituír Núñez Feixoo á fronte do Goberno da Galiza, non quere pronunciarse aínda e limítase a dicir que, se aceptase o posto en Madrid, "marcharía un gran presidente".
Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, no Congreso do PP pontevedrés decorrido o pasado ano (Foto: PP).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, no Congreso do PP pontevedrés decorrido o pasado ano (Foto: PP).

A incógnita sobre a sucesión na Xunta se o presidente, Alberto Núñez Feixoo, confirma o paso que lle pediron numerosas voces destacadas no seu partido, segue sobre a mesa despois da intervención pública desta quinta feira do vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, ao que moitos no PPdeG ven como o mellor situado para a substitución, mais que optou por non dar pistas e respectar os tempos do seu xefe de filas.

Mentres Feixoo xa advertiu que non confirmará a súa decisión até que estea formalmente convocado o congreso de abril, Rueda defendeu que, se finalmente deixa a Xunta, "marcharía un grandísimo presidente" como confirman, dixo, as catro maiorías absolutas consecutivas que acumula desde que recuperou o Goberno galego no ano 2009, após unha lexislatura do bipartito.

"Até o momento", Rueda defendeu que o presidente galego exerceu como "un gran gobernante" e, fronte ás críticas da oposición, que o acusou de ter "a cabeza" en Madrid e no PP no canto de na Galiza, sostivo que el ve Feixoo "centrado nas súas tarefas de presidente", aínda que obviamente estivese "moi preocupado" pola situación do seu partido.

Na liña dos argumentos que trasladaron fontes populares nas últimas xornadas subliñando o papel chave do PP para a alternancia política no Estado español, Rueda esgrimiu que o que pasa no PP "é tanto como dicir o que pasa en España", debido ás repercusións que pode ter para o panorama político español.

Mensaxe a González Formoso

A respecto das críticas da oposición, que afea que o presidente da Xunta mudase a súa proclama de "Galiza, Galiza, Galiza" por "Madrid, Madrid, Madrid" ou "Xénova, Xénova, Xénova" nos últimos días, suxerindo que desatende os seus labores á fronte do Executivo galego, o vicepresidente primeiro pediulle "coherencia".

En concreto, apuntou a Valentín González Formoso, que asumiu recentemente as rendas do PSdeG e compaxina a secretaría xeral socialista na Galiza coa presidencia da Deputación da Coruña e a Alcaldía das Pontes. "Postos a falar de responsabilidades e terzos", Rueda afirmou que lle gustaría saber que "terzo" das tarefas de Formoso ten "desatendido".

Casado, "un señor"

No que atinxe á situación do seu partido, celebrou que se acordase unha transición "ordenada" e eloxiou, practicamente usando as mesmas palabras que Feixoo após o encontro en Xénova, ao até o de agora presidente popular, Pablo Casado.

"Pablo Casado é un señor e merece marchar do partido como tal", dixo, para insistir no "positivo" de que no encontro cos baróns fose posíbel alcanzar "por unanimidade" un acordo para a transición.

Comentarios