“Ser presidente da Galiza é a maior das miñas ambicións”, afirmaba Feixoo en 2018

As palabras de Feixoo lévaas o vento

Alberto Núñez Feixoo toca coas mans o soño de toda unha vida. O dirixente popular enviado a Galiza por José María Aznar en 2002 para pór a Xunta ao servizo dos intereses de Xénova, ve por fin despexado o seu camiño á presidencia estatal da formación após a defenestración do equipo de Pablo Casado. Impulsado polo poderoso PP madrileño de Díaz Ayuso e apoiado polos baróns territoriais do partido, desenténdese das súas responsabilidades no Goberno galego para xestionar a crise do PP

Feijóo en el mitin de A Coruña en la jornada de cierre de la campaña.
PPDEG
(Foto de ARCHIVO)
10/7/2020
photo_camera Feixoo no mitin de feche de campaña das eleccións galegas de xullo de 2020. (Foto: Europa Press)

O 6 de xullo de 2021, Alberto Núñez Feixoo defendía a súa candidatura á presidencia do Partido Popular da Galiza sinalando que “son un militante que quere volver ser presidente do partido. Non hai outra cuestión no horizonte”. Precisamente nese contexto, onde os populares galegos realizaban un congreso para renovar a dirección e definir as políticas para os vindeiros catro anos, o aínda mandatario galego afirmaba que “vou tentar esgotar o mandato como presidente da Xunta, iniciarei outro como presidente do partido e cando haxa que decidir a presidencia da Xunta estaremos noutro momento absolutamente distinto”.

Os populares galegos daban por descontado ao remate do conclave que Feixoo volvería  ser candidato en 2025 á presidencia do Goberno galego. O novo escenario político aberto no Estado tras o trunfo de Isabel Díaz Ayuso nas eleccións madrileñas de maio e o reforzamento interno de Pablo Casado fechábanlle calquera saída política que non fose continuar á frote do Executivo galego. Nese marco congresual, Feixoo expresaba “toda a lealdade ao presidente Casado” así como o seu apoio “para gañar as eleccións xerais e convertelo en presidente do Goberno de España”. “Casado é un político de raza e temos que traballar para axudalo a chegar á Moncloa”, remataba o dirixente galego.

Alberto Núñez Feixoo chegaba a ese XVII congreso do Partido Popular após un rotundo éxito nas eleccións galegas de xullo 2020, onde acadaba con 42 escanos a súa cuarta maioría absoluta. O trunfo electoral, tras un proceso marcado pola pandemia, asentábase nunha campaña centrada na defensa dos intereses do país e rubricada con lema de “Galiza, Galiza, Galiza”.

As palabras do presidente galego non resultaban novas. A idea de manterse na súa responsabilidade á fronte do Goberno galego até “o final de lexislatura” fora enunciada en diversas ocasións ao longo de todos os seus mandatos. Tanto é así, que un dos argumentos enunciados para non presentarse a suceder a Mariano Raxoi en xuño de 2018 era: “comprometinme cos galegos até o ano 2020. Eu sen completar o meu compromiso non podo fallar aos galegos porque sería tamén fallarme a min mesmo”. Nesa mesma dirección, vai incidir en múltiples ocasións, afeándolle a outros dirixentes políticos abandonar os cargos para os que tiñan sido electos antes de tempo.

“Non sería unha boa mensaxe que o novo presidente do PP iniciase esta etapa faltando á súa palabra, aos cidadáns polos que hoxe son algo en política”, afirmaba Feixoo en xuño de 2018, para explicar as razóns da súa non concorrencia ao proceso de primarias aberto no Partido Popular para elixir o novo presidente do partido tras a renuncia de Mariano Raxoi após ser derrotado por Pedro Sánchez na moción de censura de 1 de xuño de 2018. Neste sentido, o máximo responsábel dos populares galegos vai destacar en diferentes momentos desde aquela intervención o seu carácter de político “críbel” e “previsíbel” que “fago o que digo” e “cumpro o que prometo”.

"A maior honra da miña vida foi e é servir a Galiza"

O compromiso con Galiza por riba do sometemento a disciplinas partidarias vai ser unha permanente do discurso de Feixoo nestes últimos 20 anos. Sen ir máis lonxe, o 1 de marzo de 2021, nunha xunta directiva do PP da Galiza convocada para lembrar o duodécimo aniversario da súa primeira maioría absoluta, afirmaba que “no profesional, a maior honra da miña vida foi e é servir a Galiza. Hoxe fanse 12 anos daquel 1 de marzo en que os galegos me deron a súa confianza. Inmensamente agradecido polo apoio recibido aquel día, e sempre. Grazas de novo”.

“Son o presidente da Galiza porque o meu único pacto foi cos galegos, son o presidente de Galiza porque unha maioría de cidadáns, de mulleres e homes galegos así o decidiron nas urnas”, afirmaba en xuño de 2018 Feixoo, mentres engadía na mesma orientación que “eu  hoxe quero transmitir que no PP por encima do eu estades vós e no PP por encima do currículo dunha persoa concreta está o compromiso cun pobo e están as persoas ás que nos debemos, está o equipo e está o proxecto ao que prometemos servir”.

“Ser presidente da Galiza é a maior das miñas ambicións”, aseguraba nesa xornada de xuño de 2018 diante da xunta directiva dos populares galegos Feixoo, quen indicaba que “eu vou seguir traballando polo PP desde o PP da Galiza e vou seguir defendendo os intereses xerais da Galiza, que son os de España; fareino desde a Galiza, como presidente da Xunta e como representante ordinario do Estado”. Precisamente sobre esta idea de “ser presidente da Galiza é a maior das miñas ambicións” vai articular boa parte do seu relato no proceso electoral de xullo de 2020, reiterándoa en moitas das súas intervencións públicas.

A revolta para acabar con Pablo Casado

Alberto Núñez Feixoo negou de forma permanente nos últimos anos calquera interese en ocupar a presidencia estatal dos populares. Así, o 16 de febreiro de 2021 interpelado pola prensa sobre as súas aspiracións de suceder a Casado negounas, afirmando que “non hai ningunha discusión respecto diso, polo menos, que eu coñeza. Por tanto, non hai ningunha novidade. O presidente do partido é o presidente do partido e ao presidente do partido correspóndelle liderar o partido que preside”. Un ano despois, precisamente unha quinta de 16 de febreiro, Feixoo púñase á cabeza dun movemento interno para acabar con Casado.

Comentarios