Alberto Núñez Feixoo será o único candidato

O PP escollerá o seu presidente estatal o vindeiro 3 de abril

Pablo Casado deixa por escrito que non se presentará ao Congreso estatal do PP.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, seguindo a directora xeral de Medios, Mar Sánchez. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, seguindo a directora xeral de Medios, Mar Sánchez. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)

O Partido Popular (PP) fixo público durate a madrugada un comunicado no que detalla que o actual presidente estatal, Pablo Casado, trasladou aos presidentes territoriais "a súa decisión de non concorrer ao próximo Congreso estatal", que será convocado de urxencia pola Xunta Directiva do PP do vindeiro 1 de marzo para os días 2 e 3 de abril.

Casado manterase no seu cargo até que decorra este Congreso estatal, mais a voceira do grupo parlamentario dos populares no Congreso, Cuca Gamarra, foi nomeada por unanimidade de todos os presidentes do PP e "a proposta do presidente estatal" como coordinadora xeral do partido, tamén até o cónclave do que sairá o novo presidente.

En canto á organización do Congreso do Partido Popular, os dirixentes territoriais proporán ante a Xunta Directiva o eurodiputado Esteban González Pons como presidente do Comité Organizador do Congreso. O resto de integrantes corresponderán a "polo menos un membro designado por cada organización territorial".

Estas decisións foron acordadas na reunión entre os presidentes territoriais do PP e Pablo Casado na sede da formación política en Génova 13.

Feixoo, único candidato no Congreso

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, será o único candidato no Congreso estatal do Partido Popular, após o acordaran os dirixentes das autonomías. A medida que chegaban á reunión, todos os presidentes posicionáronse en maior ou menor medida a favor de que Feixoo lidere o partido.

Nun principio, as informacións apuntaban a que a intención dos presidentes do PP  era que Pablo Casado dimitise, e, acolléndose a un artigo dos estatutos populares, nomear Feixoo como presidente sen pasar polo Congreso. Porén, fontes do PP galego trasladaron aos medios de comunicación que o presidente da Xunta só está disposto a converterse en presidente estatal dos populares "co apoio da militancia".

A saída da reunión, o presidente do Goberno galego non confirmou se presentará a súa candidatura, mais si desvelou que os dirixentes territoriais pedíronlle que dese o paso adiante. "Teño que decidir se me presento", engadiu.

Para Feixoo, o PP sae como un partido "normalizado" após a reunión de presidentes, e afirmou que o PP "segue a garantizar a alternancia política no Estado español". De Casado, con quen se reuniu a solas a petición do presidente estatal do PP, dixo que foi "amábel e correcto como sempre". "Pablo Casado é un señor da política e estou convencido de que así o recollerán as vindeiras crónicas" sinalou quen previsibelmente o substitúa como máximo dirixente do PP.

Comentarios