O presidente da Xunta non agocha a intención de abandonar a Galiza

Calvo e Rueda son os candidatos mellor situados para suceder Núñez Feixoo

A situación moveuse a ritmo frenético nas últimas horas no Partido Popular. Mentres Teodoro García Egea formalizaba a súa renuncia á secretaría xeral do partido e Pablo Casado adiantaba a súa decisión de convocar un congreso extraordinario, os dirixentes territoriais desta formación tomaban posicións para unha nova etapa dos conservadores, onde Alberto Núñez Feixoo xogará un papel de relevo.

A Coruña
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, Belén Docampo, Conselleiro de Politica Social José Manuel Rey Varela , presidirá a toma de posesión do delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo. Na sede da Delegación Territorial 
08/11/2015
Foto: Moncho Fuentes / AGN
photo_camera Diego Calvo e Alfonso Rueda nun acto da Xunta da Galiza, nunha imaxe de arquivo.(Foto:Xunta da Galiza)

A dimisión de Teodoro García Egea non colleu por sorpresa a ninguén. O secretario xeral do partido na etapa de Pablo Casado fixo pública a súa renuncia na tarde da terza feira tras ser reclamada de forma insistente desde diversas frontes. Unha delas procedeu desde o seu territorio de orixe, Murcia, e outra da propia dirección do PP no Congreso dos Deputados.

Congreso extraordinario

O anuncio de Pablo Casado de introducir na orde do día da Xunta Directiva do PP a convocatoria dun congreso extraordinario é interpretado desde algúns sectores como un paso para buscar unha saída persoal digna a este conflito. Porén, os baróns territoriais reclaman a súa marcha e a constitución dunha xestora que dirixa a organización até o conclave a realizar, con case total seguridade, no mes de marzo.

Alberto Núñez Feixoo xa non agocha a súa intención de abandonar a Galiza para dirixir o PP a nivel de Estado. Neste sentido, non dubidou en sinalar onte que "todos somos responsábeis da situación e todos debemos estar á altura das circunstancias e tomar decisións, eu entre eles". Feixoo indicou que tomará as decisións "en función do que observemos no partido e do que partido pida que faga".

O mandatario galego foi máis alá destacando que "necesitamos cambios, novas etapas e novos horizontes". "Para iso", continuou, "necesitamos incorporar a xente que poida garantir novas etapas e horizontes con responsabilidade e acougo, pero con determinación".

As palabras de Feixoo chegaron ao tempo que máis dirixentes da formación marcaron distancias con Casado. Así, ás voces críticas sumáronse nas últimas horas o presidente murciano, Fernando López Miras, os dirixentes navarros e persoas que integraron o núcleo de confianza do presidente popular, entre eles relevantes "casadistas" como a deputada ourensá Ana Belén Vázquez ou o congresista lugués Jaime de Olano.

Posíbeis cambios na Xunta

A asunción da presidencia do Partido Popular por Alberto Núñez Feixoo obrigaría a cambios na Xunta da Galiza. Malia que desde o círculo próximo ao presidente galego insisten en que "a asunción de responsabilidades en Madrid non implica unha renuncia inmediata ao cargo de presidente da Xunta", os cadros populares recoñecen a "incompatibilidade práctica da presidencia do partido e da presidencia da Xunta da Galiza". Sexa como for, uns e outros asumen as dificultades que xera no PP da Galiza a saída de Feixoo e a busca dun relevo.

Os nomes dos sucesores

Alberto Núñez Feixoo nunca deixou de mirar para Madrid. Os que coñecen de verdade o mandatario galego sinalan que nunca agochou que a súa aspiración máxima era liderar o Goberno do Estado. A este respecto sorprende que non tivese previsto o seu relevo á fronte da Xunta da Galiza, onde gañan forza as opcións de Alfonso Rueda e Diego Calvo. O primeiro conta co apoio da maioría do partido na circunscrición de Pontevedra. O segundo, co groso do Partido Popular da Coruña e previsibelmente coas xentes de Baltar, co que xa chegou a un acordo en 2018 cando se formulou a posibilidade de que Feixoo marchase a Madrid. Neste contexto, o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, o candidato preferido do círculo persoal do presidente, perde forzas e, tampouco, amosa interese na batalla.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios