Rueda aprobará na primavera a lei que autorizará 300 hoteis na costa galega

A falta de coñecerse o contido da sentenza do Tribunal Supremo que anula o auto da Audiencia Nacional de xullo de 2021 que declaraba ilegal a prorroga concedida a Ence en 2016 polo Executivo de Mariano Raxoi e o seu emprazamento na ría de Pontevedra, Alfonso Rueda apoiouse nesa resolución xudicial para continuar a batalla do Goberno galego a favor de permitir na zona de proteccións costas usos urbanísticos residenciais, industriais e terciarios.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Xoán Crespo / Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda (Foto: Xoán Crespo / Xunta).

O mandatario galego cargou contra a reforma do Regulamento xeral de costas aprobado en agosto de 2022 polo Goberno do Estado. Neste sentido, Rueda denunciou que esa norma “rebaixa a duración das novas concesións de 75 a 30 anos e tamén reduce a 30 anos as prórrogas extraordinarias, negando deste xeito na práctica este dereito aos titulares de títulos outorgados con anterioridade ao ano 1988”, ano de aprobación da Lei de costas.

Rueda amosouse categórico aseverando que “a sentenza avala a  posición da Xunta sobre as prórrogas das concesións en dominio público” e defendeu que o fallo vai na liña do recurso presentado polo Executivo galego diante do Tribunal Supremo para anular determinadas disposicións do Regulamento xeral de costas que impedía a continuidade da actividade da pasteira na ría de Pontevedra.

O presidente da Xunta da Galiza criticou a nova normativa “introduce moita inseguridade xurídica” en instalacións que “levan moito tempo xerando riqueza no noso litoral” e “cumprindo coas normativas medioambientais”. Nesta liña, incidiu que o auto do alto tribunal  demostra que “a preservación do litoral e manter actividades claves para a economía galega é posíbel”.

Os contidos do recurso formulado polo Goberno galego á normativa de costas están na liña do seu anteproxecto de Lei de ordenación do litoral. O referido texto lexislativo pretende autorizar arredor de 300 estabelecementos hoteleiros en diversos puntos da costa galega. Nese sentido, tenta permitir usos urbanísticos en zonas actualmente prohibidas, como as de servidume de protección marítimo-terrestre, isto é naquelas franxas de terreo dunha anchura de 100 metros desde a ribeira do mar, non clasificados como solo urbano no momento de entrada en vigor da Lei de costas de 1988.

As palabras de Rueda chegaron só dous días despois que as asociacións e entidades que recorreron nos tribunais a presenza da pasteira na ría de Pontevedra anunciaran novas accións xudiciais contra a continuidade de Ence en Lourizán. Neste sentido, fontes xurídicas consultadas por Nós Diario apuntan a un longo procedemento xudicial en diferentes instancias do Estado e da Unión Europea.

Sanidade

Rueda anunciou a intención do seu Executivo de convocar 413 prazas de persoal sanitario por concurso de méritos para cubrir postos de difícil cobertura. Neste liña, destacou a “boa acollida” da proposta polas organización sindicais presentes na mesa sectorial de Sanidade e significou que se trata “dunha medida importante que demostra que, dentro das nosas capacidades, facemos o necesario para cubrir o déficit”.

O anuncio do mandatario galego fíxose público só tres días antes da manifestación convocada pola plataforma Sos Sanidade Pública en Santiago de Compostela. A este respecto, a medida foi considerada polos promotores da convocatoria como un xesto coa intención de desmobilizar diante dunha marcha cuxa participación aspira a encher a Praza do Obradoiro da capital da Galiza.

Educación

O presidente da Xunta explicou na súa comparecencia a proposta do seu Gabinete de crear 9.500 prazas de Formación Profesional nos dous próximos cursos dentro Plan Conecta FP. Nesta dirección, afirmou que na elaboración da mesma participaron canda o Goberno galego “unhas 10.000 empresas, 400 asociacións, máis de 300 centros escolares” así como a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG).

O xefe do Executivo asegurou que este proxecto “busca consolidar e ampliar o interese por unhas ensinanzas que contan cada vez con máis demanda entre o alumnado e que suman neste curso 61.000 persoas"

Comentarios