A Secretaría de Estado cualifica a Lei do Litoral da Galiza como "case unha declaración de independencia"

Hugo Morán sinala que é "sorprendente" a tramitación da Lei do Litoral por un partido como o PP, "belixerante en canto a conservar competencias do Estado".
O secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán (Foto: Miteco).
photo_camera O secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán (Foto: Miteco).

O secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, considerou este domingo, 15 de xaneiro, que a Lei do Litoral da Galiza é "case unha declaración de independencia", algo que ve "sorprendente" ao vir dun partido como o PP, "moi belixerante en canto a conservar competencias do Estado fronte a posíbeis actitudes soberanistas".

"Non sabemos cal será o resultado, non sabemos se será recorríbel ou non porque é aínda unha formulación moi preliminar", comentou o secretario de Estado nunha entrevista concedida á Cadena Ser, onde sinalou que, en base ao coñecido, "parece que a Xunta quere sacar da Constitución unha materia que polas súas competencias non pode facer". "É unha competencia estatal por determinación da Constitución", afirmou.

Morán dixo confiar en non atoparse co Goberno galego nos tribunais, mais lembrou que hai algunhas semanas o Tribunal Constitucional (TC) pronunciouse sobre un recurso da Xunta no marco da Lei de Cambio Climático, respecto ao artigo que recolle as competencias do Estado en materia de xestión litoral. "E o TC deu un tirón de orellas que creo que debería de servirlles de lección para non insistir. Non entenderon do todo ben a mensaxe que o TC enviou coa súa última sentenza", comentou.

O número 2 de Medio Ambiente tamén se pronunciou sobre a tramitación de parques eólicos, cuxo prazo finaliza en 10 días. A este respecto, Morán matizou que só pode responder polas avaliacións ambientais que fai o Ministerio.

"Ten habido un tremendo atraso na achega dos informes para levar a termo as avaliacións. Tivemos que reiterar a petición desa información varias veces o ano pasado, sempre coa mesma resposta, que eses parques estaban fóra do ámbito de planificación da Xunta e que non ían emitir os informes. E nós, para facer esa avaliación, necesitamos eses informes", explicou Morán.

"En decembro -continuou-, déuselles un ultimato dicíndolles que, se non os enviaban, veriámonos na obriga de arquivalos e que as consecuencias que se derivasen tería que asumilas a Administración responsábel. Agora si emiten todos os informes, que chegaron a principios de xaneiro e que teñen que estar resoltos o día 25; chegaron in extremis".

Sobre a eólica mariña, o secretario de Estado avanzou que os plans de ordenación do espazo mariño coñeceranse "nas próximas semanas". Aínda que entende a preocupación do sector pesqueiro, espera que a planificación "deixe racionalmente insatisfeitos a todos". "Non se pode atender 100% das expectativas de todos, mais será un mecanismo que equilibre", sinalou.

Hidróxeno verde e estratexia do lobo

Con respecto ao feito de que a Galiza ficase sen as axudas estatais para o hidróxeno verde, Morán afirmou que haberá máis oportunidades. "Aínda se está iniciando este camiño, así que seguirá habendo oportunidades como co resto de enerxías. Isto ten por diante unha longa vida", apuntou.

Outro dos temas abordado polo número 2 do Ministerio foi a aplicación da estratexia estatal do lobo, "aprobada en conferencia sectorial". "O resto de autonomías fórona incorporando. Espero que impere a racionalidade e a Xunta, máis aló desa formulación de discrepancia política, poña por diante os intereses dos gandeiros", comenta.

Por último, e respecto ao pronunciamento do Tribunal Supremo sobre o futuro de Ence na ría de Pontevedra, Hugo Morán limitouse a dicir que "o que o Supremo decida terá que ser acatado por todas as partes" e que o Ministerio "xestionará o litoral nos termos que resulten desa sentenza".

Comentarios