Pontón considera "inexplicábel" a sentenza de Ence e acusa o Supremo de "trato de favor"

Pontón considerou "sorprendente" a resolución esgrimindo que "dá a volta" a unha sentenza anterior da Audiencia Nacional que "tiña unha xustificación xurídica moi clara" e que desde o BNG o que queren é "coñecer en primeiro lugar o contido exacto" da sentenza, para estudar se queda algunha outra vía.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu criticar esta quinta feira a sentenza emitida polo Tribunal Supremo sobre a planta de Ence en Pontevedra, que avala a prórroga da concesión dos terreos até 2073, e asegurou que a resolución "carga contra a Lei de Costas" e dá "un trato de favor" á pasteira sobre outras empresas galegas.

Así o manifestou a preguntas formuladas polos medios nun acto en Ourense onde secundou a mesma liña que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen foi crítico coa decisión do tribunal e asegurou que era "un fracaso total do Estado de Dereito".

Pontón considerou "sorprendente" a resolución esgrimindo que "dá a volta" a unha sentenza anterior da Audiencia Nacional que "tiña unha xustificación xurídica moi clara" e que desde o BNG o que queren é "coñecer en primeiro lugar o contido exacto" da sentenza, para estudar se queda algunha outra vía.

"Imos seguir defendendo que Ence ten que saír da ría de Pontevedra", garantiu Pontón, asegurando que este é un debate "que non se acaba no xurídico" e que a formación nacionalista "vai esgotar todas as vías xudiciais, pero tamén sociais".

Porque a cidade de Pontevedra "ten todo o dereito a poder desenvolver o seu potencial sen que unha industria contaminante hipoteque o futuro dunha ría", subliñou.

"Outra localización"

Deste modo, expuxo que "hai alternativas para o traslado" e que "hoxe máis que nunca é evidente que hai que darlle a Pontevedra un futuro", que considera que pasa porque Ence "ten que buscar outra localización".

Nesta liña, opinou que a sentenza "é inexplicábel" e afeou que significa que "bota por terra unha resolución anterior ben fundamentada desde o punto de vista xurídico".

Por iso, a portavoz nacionalista considera que "é evidente que se carga a Lei de Costas" e, indo máis aló, sinalou que "hai un trato de favor para unha empresa que non tiveron outras empresas galegas", que se viron obrigadas a trasladarse de localización.

"Nada xustifica que Ence teña que permanecer neste emprazamento, hai moitas outras localizacións nas cales podería estar", insistiu Pontón, manifestando que a súa formación "seguirá traballando para que Ence saia da ría de Pontevedra" porque "é un tema chave non só para o deseño da cidade, senón tamén para a recuperación do espazo natural".

Comentarios