Formoso móstrase "alegre" por que Ence anunciase que pretende instalar unha planta de fibra nas Pontes

O líder do PSdeG rexeitou valorar a petición da secretaria xeral de CCOO na Galiza, Amelia Pérez, de pedir a Ence que traslade a Pontevedra o proxecto que ten previsto para As Pontes [municipio do que Formoso é alcalde], concretamente unha fábrica de fibra e papel tisú.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mostrou esta quinta feira a súa "alegría" por que Ence pretenda instalar unha planta de produción de fibra reciclada nas Pontes.

"Sempre entendemos que localmente cada un ten que velar polos seus intereses", asegurou Formoso, durante unha visita realizada como presidente da Deputación da Coruña á cidade de Ferrol.

"Alegrámonos de que o futuro na instalación estea garantido e por outra banda, nós como sempre, é un proxecto moi benvido na nosa vila. Creo que na nosa comarca todo o que ten que ver co sector forestal require de proxectos deste tipo para a posta en valor, sobre todo cando estamos a falar de economía circular", afirmou Formoso ao ser preguntado pola planta de produción de fibra reciclada prevista nas Pontes.

Traslado

Neste sentido, o líder do PSdeG rexeitou valorar a petición da secretaria xeral de CCOO na Galiza, Amelia Pérez, de pedir a Ence que traslade a Pontevedra o proxecto que ten previsto para As Pontes [municipio do que Formoso é alcalde], concretamente unha fábrica de fibra e papel tisú.

"Eu non vou entrar aí, non vou ser eu o que valore as declaracións de terceiros e eu insisto en que para nós o publicado por Ence nun comunicado de prensa é unha boa noticia", recalcou.

"Ademais, coincide co que se nos di persoalmente desde a dirección e por tanto nós seguimos traballando nun proxecto que ilusiona moitísimo a esta comarca e que ademais penso que o merece", asegurou na súa visita a Ferrol.

[Esta noticia foi editada ás 22 horas por un erro no teletipo da axencia, relativo á fábrica de Ence en Pontevedra, e que afectaba a todo o sentido da información] 

Comentarios