A Xunta nega que a Lei do litoral fomente a turistificación mais defende "dar un segundo uso" a 300 edificacións

"É unha lei para a Galiza, que non vai en contra de ninguén, que pretende dar seguridade xurídica", defende Ángeles Vázquez.
A conselleira Ángeles Vázquez mantivo esta terza feira un encontro con catedráticos das universidades galegas para abordar o futuro desta lei. (Foto: Conchi Paz)
photo_camera A conselleira Ángeles Vázquez mantivo esta terza feira un encontro con catedráticos das universidades galegas para abordar o futuro desta lei. (Foto: Conchi Paz)

O Goberno galego nega que a futura Lei de ordenación do litoral fomente a "turistificación" da costa, tal e como denuncian diferentes colectivos sociais e ecoloxistas, ao mesmo tempo que defende "dar un segundo uso" a unhas 300 edificacións que "son unha xoia desde o punto de vista arquitectónico" e, "por que non, poden ter un uso turístico".

A preguntas da prensa antes de participar nun encontro con catedráticos das universidades galegas para abordar esta lei —actualmente en proceso de exposición pública—, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo o exemplo de que un faro que depende do Goberno estatal "pode converterse nun hotel". "Pero se un faro depende da comunidade autónoma resulta que non podemos facer absolutamente nada con el", protestou.

Así, a Xunta avanza na tramitación da futura lei galega de ordenación do litoral ante a negativa do Executivo español a transferirlle a competencia de costas. O Goberno de Alfonso Rueda solicita as "máximas achegas" antes do 20 de xaneiro para poder estudalas, o que, unido aos informes sectoriais, volverá ao Consello da Xunta para dar traslado ao Parlamento galego.

Sobre esta cuestión, Vázquez incidiu en que haberá tres áreas na costa con esta lei, incluída unha zona de máxima protección para a preservación de ecosistemas. "Para nada pretendemos desprotexer a costa", dixo.

"Pretendemos que esta sexa unha lei de todos os galegos e galegas", asegurou. Unha lei coa que se busca axuntar a protección da costa con "diversificar a economía".

"É unha lei para a Galiza, que non vai en contra de ninguén, que pretende dar seguridade xurídica, da que vimos carecendo nos últimos anos, que está a provocar unha parálise na nosa costa", precisou.

Neste senso, lamentou que "non se están facendo os investimentos necesarios" na cadea mar-industria, pois hai proxectos fundamentais que "decidiron paralizar até ter esa seguridade xurídica".

Comentarios