Rueda e a patronal apostan por explotar "o potencial mineiro da Galiza"

O Consello da Xunta censurou os "atrasos" do Estado nos trens Avril
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira durante o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira durante o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

Após a reunión semanal do Goberno galego reunido no Consello da Xunta, Alfonso Rueda asegurou que o Executivo que preside continuará a apostar pola industria mineira da Galiza a través dun plan cuxa aprobación confirmou precisamente esta quinta feira.

Alfonso Rueda confirmou a intención da Xunta da Galiza de manter a súa aposta pola industria mineira da Galiza. De acordo co presidente do Executivo galego, “Galiza é unha potencia no eido da minaría, en concreto en rochas ornamentais, cuarzo e demais minerais. Por iso seguiremos a apoiar este sector que queremos facer máis sostíbel”.

Este anuncio de Rueda chega días despois de que a Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE), unha iniciativa da propia Xunta da Galiza e da Cámara Mineira, presentara as súas liñas estratéxicas, que pasan pola captación de fondos da Unión Europea para desenvolver novos proxectos de "minaría sostíbel" no país. Un termo, o de 'minaría sostíbel' que o movemento ecoloxista, porén, rexeita ao entender que os efectos negativos da actividade extractiva non poden paliarse coa restauración dos terreos posterior ao fechamento da explotación por parte das empresas. Con todo, o Goberno da Galiza porfía en cualificar a industria mineira como "fundamental".

Infraestruturas

Un asunto que centrou boa parte da rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta foi a das infraestruturas. Rueda cargou contra o Goberno español principalmente por causa dos "continuos atrasos" do Executivo de Pedro Sánchez no relativo aos trens Avril. "O Goberno de España aínda non sabe nin sequera cantas unidades de ferrocarrís Avril vai destinar á Galiza. Segundo o Goberno de Sánchez, os trens Avril chegarán no primeiro trimestre de 2024, mais non podes ter seguridade diso", espetou Rueda ao tempo que asegurou que a actuación do Estado español neste sentido "non é de recibo". 

Para alén diso, Rueda tratou o viaduto derrubado da A-6 durante o verán de 2022, e confirmou que o Goberno do Estado di asegurar que estará aberto dirección Madrid antes de que comece o ano que vén.

Galego no Congreso

Novamente, Rueda volveuse pronunciar acerca da utilización da lingua galega no Congreso. Este cargou contra o PSOE ao que acusou novamente de facer un “uso político” da lingua propia da Galiza. 

Segundo Rueda, o PSOE “non está convencido” sobre o uso do galego nas cortes, algo que segundo el se demostra porque “cando puideron votar o mesmo o ano pasado e non tiñan presión pola investidura, votaron en contra”. “Trátase dunha decisión política”, aseverou o presidente da Xunta ao tempo que asegurou que, ao seu ver, é realmente unha "concesión" aos grupos independentistas cataláns para conseguir o seu apoio na investidura.

Outra cuestión que se tratou na comparecencia foi a denuncia da Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE) sobre a apertura de expediente ao corpo de inspectores de residencias de maiores. Segundo REDE, a Xunta avisaba as propias residencias dos días en que terían lugar as inspeccións, algo que a Xunta nega. Sobre isto, Rueda preferiu non comentar e limitouse a dicir que "investigarán o asunto e tomarán as medidas oportunas".


Educación admite "tensión" na negociación das ratios

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, compareceu esta quinta feira despois da reunión semanal do Consello da Xunta. Ante preguntas dos xornalistas, o titular da Consellaría de Educación recoñeceu que, nas reunións cos sindicatos a respecto da redución de ratios de alumnado e da recuperación dos horarios lectivos do profesorado, "hai momentos de tensión". 

Con todo, declinou dar máis información acerca destas negociacións cos sindicatos e asegurou que "esperamos chegar a un acordo que sexa positivo para ambas as partes o antes posíbel". Precisamente, no día de hoxe retómase o diálogo no marco da mesa sectorial.

Lei de cultura accesíbel

Para alén diso, o conselleiro anunciou a aprobación do proxecto de lei de cultura inclusiva, unha norma que agora remitirá ao Parlamento galego coa intención de que quede aprobado antes de que acabe 2023. Entre as medidas, está a articulación, nun prazo de dous anos, dun plan cultural que inclúa a posibilidade de promover descontos en eventos para colectivos en risco de exclusión social, así como para blindar a venda de entradas presencial e evitar que só se faga 'en liña'. A lei tamén contempla a creación dun Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesíbel.

Comentarios