Parlamento

As filtracións das inspeccións a residencias seguirán sen investigarse

O PP veta que se aumente o persoal inspector.
Pleno do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Pleno do Parlamento da Galiza.

O PP volveu dicir que non a que haxa unha investigación sobre a existencia de comunicacións previas e irregulares da data na que a inspección de servizos sociais visitaría centros de maiores e discapacidade. O que xa fixo o Partido Popular en comisión parlamentaria esta terza feira fíxoo no pleno da Cámara: vetar as propostas do BNG e PSdeG para clarificar que pasou con esas inspeccións.

A deputada do PP Raquel Arias criticou a oposición por pedir á xunta que investigue as filtracións e dispoña mási servizos mentres lles parece "chachi que lles dean" unha condonación de débeda "aos cataláns, que llo sacan aos españois".

"Transparencia, respecto e dignidade aos maiores", reclamou o deputado do BNG Iago Tabarés, quen na súa intervención elevou a unha cuestión de "dignidade" do Parlamento na defensa do sistema de residencias —usuarios, familias— e quen afeou a Arias que empregase a tribuna de "espazo promocional" sacando á palestra "Bildu ou Catalunya". Os nacionalistas pedían, ademais de investigar as filtracións, "incrementar os cadros de persoal de atención directa nos centros sociosanitarios até superar as ratios mínimas actualmente vixentes". Tamén que se informase á Cámara das resolucións sancionadoras firmes impostas nos últimos dez anos. O PP tamén votou contra iso.

Pola súa parte, Marina Ortega (PSdeG) acusou os populares de "ter a cara de vir aquí chamar mentireiros aos inspectores" e concluíu que a negativa da conselleira de Política Social, Fabiola García, a abrir unha investigación "delátaa". "Empatía cos usuarios e investigación xa", esixiu a deputada socialista.

Ortega emprazou Política Social a “cambiar o modelo” nas residencias de maiores, que o Goberno galego leva anunciando dende hai 3 anos sen tomar unha soa decisión e mesmo “indo para atrás”. Afeou á Xunt, ademais, que non incrementaran unha soa praza pública, se negasen a aumentar o persoal e mellorar as súas condicións, e "non escoiten" as familias.

Comentarios