O PSOE garantiza o seu apoio á investidura de Sanmartín mais non aclara se entrará no goberno

Esta sexta feira está citado o outro grupo municipal con representación no Concello no espectro da esquerda, Compostela Aberta.
Os equipos negociadores do BNG e do PSOE en Santiago de Compostela (Foto: Europa Press).
photo_camera Os equipos negociadores do BNG e do PSOE en Santiago de Compostela (Foto: Europa Press).

O PSOE de Santiago, capitaneado pola número dous da lista nas pasadas eleccións municipais, Mercedes Rosón, garantiu o apoio do seu grupo municipal á investidura de Goretti Sanmartín (BNG) o próximo 17 de xuño, pero arrefriou os tempos para a conformación de goberno local.

Sanmartín expresou a súa preferencia por conformar un tripartito na corporación local que lle dese "estabilidade" á cidade e que se puidese pór a traballar ao día seguinte da constitución do novo pleno do Pazo de Raxoi.

Con todo, os socialistas teñen outros tempos e, como expresou a propia Rosón aos medios, non hai que ir tan "rápido". É máis, lembrou que ela entrou na corporación local por primeira vez en 2003 e que até o ano seguinte, daquela, non se fechou un pacto de goberno, abrindo a posibilidade, deste modo, de que os tempos que marcou a dirixente nacionalista disten dos socialistas.

Os equipos negociadores do BNG e PSOE, encabezados por Sanmartín e Rosón, respectivamente, reuníronse esta quinta feira nunha primeira toma de contacto para explorar os puntos de acordo. Deste encontro saíron emprazados para unha nova reunión e coa garantía da investidura para a alcaldábel do BNG.

Rosón fechou filas co seu grupo e estivo acompañada de Xoaquín Fernández Leiceaga e Mila Castro, considerados próximos ao aínda alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e Sindo Guinarte, de confianza da aínda concelleira de Urbanismo e Cultura.

Con todo, a pesar da voz de "unidade" expresada publicamente, existe división interna sobre se entrar a formar parte do goberno local baixo o bastón de mando de Sanmartín ou quedar na oposición.

Pola súa parte, a cabeza de lista do BNG asegurou que, pase o que pase finalmente, a formación nacionalista ten "capacidade" para afrontar o goberno en minoría e recalcou de novo que se "deixará a pel" pola cidade.

Cita desta sexta feira

Esta sexta feira está citado o outro grupo municipal con representación no Concello no espectro da esquerda, Compostela Aberta, que gobernou a cidade en 2015 con 10 edís con Martiño Noriega á fronte.

No seu día, Compostela Aberta ofreceu entrar os dous edís que tiña entón o BNG -Rubén Cela e a propia Goretti Sanmartín- no executivo local até en dúas ocasións, ao comezo da lexislatura e en metade de mandato, pero daquela non frutificou ningún pacto.

Comentarios