Pontón ve o BNG "en forma": “Imos a por todas”

A formación nacionalista proponse conseguir grupo propio no Congreso español.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, compareceu esta segunda feira após a xuntanza da Executiva Nacional. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, compareceu esta segunda feira após a xuntanza da Executiva Nacional. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou esta segunda feira que a formación nacionalista está "en forma" e ten a oportunidade coas eleccións estatais convocadas para o 23 de xullo de lograr "grupo galego" no Congreso, após conseguir o regreso da formación ás Cortes nas últimas estatais.

Ademais, e ante o escenario que se abre a un ano de que conclúa a lexislatura galega e a posibilidade de que haxa adianto, Pontón mostrouse "preparada" para afrontar este reto electoral "en canto se convoquen as eleccións", para que unha "presidenta que teña por primeira vez a súa cabeza e corazón na Galiza".

Pontón incidiu en que asume os novos retos "con máxima responsabilidade e humildade" e apuntou que "non se poñen límites á Galiza". Avalía de forma "positiva" este novo "reto": "A vida política está moi intensa".

Porén, a dirixente nacionalista mostrouse "entusiasmada" con que o BNG poida converterse en "decisivo" no Estado e saia das xerais cunha “voz reforzada, que defenda os intereses dos galegos e das galegas, libres de ataduras". "É un reto para que a Galiza teña un papel chave no Estado", salientou Pontón, que asegurou que o Bloque está nun momento no que "non ten teito e vai ir a por todas".

A líder do Bloque chanceou con que "isto é un non parar", pero reafirmouse en que a súa formación "está en forma" e "vai ir ás próximas eleccións con moita forza, con moito entusiasmo" e vai traballar para conseguir grupo galego.

Autonómicas

En canto ás eleccións galegas, lembrou que é unha decisión que non depende dela e, por tanto, mostrouse en disposición de asumir o reto cando toque, que será, deduciu, cando ao PP lle veña ben.

"Cando [as cousas] non dependen de min, non perdo o tempo", dixo para concluír que as eleccións serán "cando o PP crea que sexan mellores para o PP", expresou.

Dito isto, observou que hai "un cambio de ciclo" e que o BNG está "en disposición de disputar a presidencia". "E en canto se convoquen, imos a por este obxectivo; somos a alternativa e imos ir a por todas e estaremos aí para enfrontar este reto", sentenciou.

Comentarios