Sanmartín convoca o PSOE e Compostela Aberta para negociar un "goberno amplo e estábel"

Sanmartín compareceu esta terza feira ante os medios de comunicación acompañada dos outros cinco integrantes do seu grupo para anunciar estes contactos, tras unhas primeiras chamadas previas para sondar a predisposición.
Goretti Sanmartín (Foto: Nós Diario)
photo_camera Goretti Sanmartín (Foto: Nós Diario)

A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, convocou o PSOE e Compostela Aberta para a vindeira quinta e sexta feira, respectivamente, para unha primeira toma de contacto que desemboque, como é desexo da alcaldábel, nun goberno "amplo e estábel" que xa estea conformado o mesmo día 17, en que se constitúen as corporacións locais.

Sanmartín compareceu esta terza feira ante os medios de comunicación acompañada dos outros cinco integrantes do seu grupo para anunciar estes contactos, tras unhas primeiras chamadas previas para sondar a predisposición.

Na súa explicación, o diálogo deberá servir para definir as liñas fundamentais do programa e modelo de cidade, baseado en buscar políticas que garantan a sustentabilidade, camiñar cara a unha cidade verde e europea, igualdade que leve o feminismo a todas as áreas do goberno, renaturalización de espazos e que non haxa diferenzas polo barrio no cal vivas, de forma que "non haxa cidadáns de primeira ou segunda e que todo o mundo teña servizos públicos, con participación, transparencia e boa xestión económica".

Con estas liñas arrincará o BNG o seu diálogo co resto dos grupos da esquerda para tratar de conformar un tripartito como obxectivo prioritario e, se é posíbel, levar ao acto de constitución da corporación un goberno xa fechado que poida empezar a traballar xa o domingo 18.

As dúas primeiras reunións bilaterais serán tomas de contacto para coñecer e transmitir as liñas da transversalidade e eixos do programa, así como para "escoitar" as posturas do PSOE e Compostela Aberta.

Sanmartín defende a apertura dun proceso de negociación no cal, segundo dixo, o BNG entende que ten que falar "con eses dous grupos, cun liderado claro" da formación nacionalista, que "asume a responsabilidade de que se faga de maneira intensa e eficiente". "O lóxico é que teña un goberno amplo, estábel, sólido e que comece a traballar o 18 de xuño".

Candidatura

Xunto a Sanmartín, conforman o grupo nacionalista cinco edís: Míriam Louzao de número dous, xornalista de formación e actual responsábel de Comunicación do Auditorio de Galicia; Xesús Domínguez, protésico dental de profesión, membro de diferentes asociacións e coñecido polo seu activismo como portavoz dos estafados polas preferentes e subordinadas, ademais de impulsor do uso da bicicleta como alternativa de mobilidade urbana.

Pilar Lueiro (número 4), profesora de Secundaria en Boiro, ten no seu haber a presidencia da Asociación Cultural Eu de Sar (entre 2018 e 2020) e ser vocal desde 2022 da Agrupación Cultural O Galo.

De número 5 sitúase Manuel César, catedrático de Formación e Orientación Laboral no CIFP Politécnico de Santiago. É secretario da Asociación O Galo e afiliado á CIG-Ensino.

Iago Lestegás é arquitecto e traballa no ámbito privado no ámbito do urbanismo e ordenación territorial, ademais de ser investigador da USC e participa no tecido asociativo ligado á música e baile tradicionais.

Comentarios