Parlamento

Rueda escúdase en que "gañou" o 28-M para non responder sobre a crise ou Baltar

O BNG repróchalle que "mire para outro lado" ante a "corrupción".
ponton rueda alvarez sesión pleno
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez durante a sesión de control no Parlamento da Galiza.

Primeira sesión de control parlamentario ao presidente da Xunta da Galiza após os comicios do pasado domingo e os resultados electorais protagonizaron parte do debate, se ben as preguntas da oposición a Alfonso Rueda —formalizadas antes das eleccións—nada tiñan a ver con este tema. Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, preguntou sobre as medidas que adoptaría Rueda tanto para evitar que a Galiza "fique atrás" demográfica e economicamente; como para afrontar os "escándalos" en torno ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, interpelou Rueda sobre se ía "mudar a súa ineficiente xestión" en materias como vivenda, dependencia ou demografía. Pontón e Álvarez ficaron sen resposta. Non porque o presidente non respondese, senón porque respondeu outra cousa.

Rueda non estaba interesado en que a sesión de control se convertera niso para o que esta sesión está concibida: que a oposición poida fiscalizar o labor do titular da Xunta e do seu goberno e preguntar directamente ao presidente galego en sede parlamentaria. Mais Rueda optou por falar de eleccións, tanto das do 28-M como das convocadas na segunda feira por Pedro Sánchez para o 23 de xullo. Uns comicios, estes últimos que, asegurou, van coller boa parte da poboación de vacacións.

Rueda insistiu en que o 38% de votos ao PP na Galiza do 28-M son un aval á xestión destes anos do Goberno galego do Partido Popular. "A Galiza falou alto e claro", manifestou, "o PSdeG está nos estertores finais" e as urnas mostraron que "Galiza non é nacionalista". "O PP é o que máis crece", concluíu, obviando que  cos resultados deste domingo, o PP non sería quen de reter a Xunta da Galiza, e que entre nacionalistas e socialistas sumaron ao redor de 48% dos sufraxios, 10 puntos máis que o PP.

Non falou o presidente de economía, vivenda, evolución do PIB, caída demográfica ou que vai facer a respecto de Manuel Baltar —que eran os temas sobre os que se lle preguntou esta cuarta feira no pleno—. Mais si de que o 25 de Xullo, "Día da Galiza, a España vaille chegar o sentidiño" coa vitoria de Alberto Núñez Feixoo, candidato do PP español e ex presidente da Xunta. 

"Non pode dirixir nin o seu partido"

A portavoz nacional do BNG criticou con dureza o presidente. "Como vai dirixir Galiza se non é quen de dirixir o seu partido?", e recriminoulle que o PP vaia "de escándalo en escándalo" mentres "o país fica atrás". Rueda, pola súa parte, cargou con dureza contra Ana Pontón acusándoa de "facerse a ofendidiña e ter a pel sensíbel". Mesmo instou o BNG a que apoiase en Ourense "a segunda lista máis votada", a do PP, para afastar Pérez Xácome da Alcaldía. "Quédalle moi grande o traxe de presidente da Galiza", criticou a nacionalista.

Luís Álvarez tampouco tivo do presidente respostas ao que preguntou. Levou iso si, unha manda de reproches sobre o "egocentrismo" de Pedro Sánchez ou as políticas prexudiciais para a Galiza do Goberno estatal. "É vostede máis predicíbel que a solución dunha ecuación de primeiro grao", díxolle Álvarez. "Somos", respondeu Alfonso Rueda, "o que a xente espera de nós e por iso gañamos as eleccións".


Da falta de residencias á destrución de postos de emprego

A sesión de control de onte non estivo exenta de datos, fornecidos polo BNG e o PSdeG, para reflectir "a realidade" dunha Galiza que non é a da "propaganda" da Xunta. Os 198.000 galegos e galegas de menos de 34 anos que emigraron entre 2009 e 2021, a perda de 20.000 empregos en sectores chave, as 14.500 prazas en que habería que aumentar a oferta pública de residencias para chegar á ratio marcada pola Organización Mundial da Saúde (OMS), os 12 meses de espera media para unha valoración dunha persoa dependente.... Cifras que foron expostas por Ana Pontón e Luís Álvarez nas súas intervencións e que non mereceron resposta por parte do presidente galego. O mandatario limitouse a acusar a portavoz nacional do BNG de "manipular os datos, todo un clásico en vostedes", dixo Rueda.

Comentarios