18-F

De duplicar as axudas ao aluguer a aumentar a contía: as propostas do BNG para un Plan de emancipación da mocidade

Ana Pontón propón mobilizar vivenda baleira, liña de axudas específica da Xunta e crear unha bolsa de pisos para estudantes en colaboración coas universidades.

Á candidata botou unha partida de futbolín con mozos e mozas (Foto: Nós Diario)
photo_camera A candidata do BNG botou unha partida de futbolín con varios mozos e mozas. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, mantivo esta segunda feira en Ames un café-encontro con xente moza no que explicou algunhas das medidas do proxecto de Goberno do BNG para a mocidade, entre as que destacou a posta en marcha dun Plan de emancipación da mocidade para facilitar o acceso á vivenda, unha cuestión que, advertiu, está atrasando e limitando as expectativas e os proxectos de vida a mocidade galega.

Pontón indicou que o plan pasa, por unha parte, por mobilizar vivenda baleira e poñela no mercado a prezo limitado e, por outra, por aumentar as axudas ao aluguer, cunha batería de medidas encamiñadas a facilitar a emancipación da xente moza que “resulta misión imposíbel” pola carestía da vivenda.

Deste modo e como primeira medida no curto prazo, apuntou a que un Goberno liderado polo BNG incrementará as axudas destinadas ás bolsas ao alugueiro para chegar, como mínimo, ao dobre de persoas, incrementando ademais as súas contías.

En segundo termo, anunciou unha nova liña de axudas propia da Xunta da Galiza para as mozas e mozos que se desprazan por razóns de estudo e non teñen contrato laboral, que agora están excluídos dos programas públicos de aluguer.

Bolsas para estudantes

A isto sumou a creación dunha bolsa de vivenda para estudantes en colaboración coas universidades, en réxime de arrendamento a prezos accesíbeis “e en condicións dignas” para que, recalcou, “non vexamos pisos con humidades, que non cumpren cos requisitos mínimos”, como está denunciando estes días o estudantado.

Por último, Pontón apuntou o Plan de mobilización de vivenda baleira que ten previsto pór en marcha o goberno que aspira a presidir, para poñela no mercado de aluguer a prezo limitado; plan que tamén inclúe a compra de vivenda por parte da Xunta para poñela en réxime de aluguer. A mocidade será un dos colectivos beneficiados prioritarios “porque sabemos as dificultades que hai neste momento”, subliñou.

Emancipación

Neste sentido, recordou que a taxa de emancipación é de tan só o 15% entre os 16 e os 29 anos, unha taxa na que a franxa de idade entre os 30 e os 34 anos sitúa a Galiza terceira pola cola (con só 3 de cada 10 persoas que logran emanciparse), segundo o último informe do Consello da Xuventude do Estado.

A candidata do BNG advertiu que a mocidade galega ten que destinar entre un 50 e un 60% do seu salario á vivenda para poder emanciparse, cando todos os estudos indican que esta porcentaxe non debería supoñer máis do 30% dos ingresos.

Comentarios