A mocidade galega non consegue emanciparse: só 15,3% das persoas máis novas vive pola súa conta

O aluguer compartido encareceu 52% en oito anos.
Fileiras de estudantes ás portas dunha axencia inmobiliaria en Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fileiras de estudantes ás portas dunha axencia inmobiliaria en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario).

A taxa de emancipación das persoas mozas da Galiza entre 16 e 29 anos baixou máis dun punto porcentual o ano pasado e situouse, a mediados de 2023, en 15,3%, influenciada, entre outras cuestións, polo incremento dos prezos do aluguer. Así o recolle o informe do Observatorio de Emancipación que deu a coñecer esta terza feira o Consello de Mocidade do Estado español, con datos referentes ao primeiro semestre de 2023.

En concreto, segundo recolle o documento, a mediados do ano pasado só 15,3% das persoas mozas galegas estaban emancipadas, unha taxa que supón 1,2 puntos porcentuais menos que en 2022. Ademais, segundo se deprende do estudo, a porcentaxe de mulleres mozas que conseguen emanciparte é superior que a dos homes. A cifra global está por baixo da media do territorio estatal e é o dato máis baixo alcanzado nun primeiro semestre de toda a serie histórica deste observatorio.

Este descenso, prosegue o informe, deuse aínda que a taxa de emprego das persoas mozas na Galiza subiu ao mesmo ritmo que a estatal e de que no país o paro xuvenil descendeu máis de cinco puntos porcentuais.

Vivenda compartida

Con todo, o prezo do aluger, a forma de emancipación máis común entre a poboación moza galega, subiu 8% no caso das vivendas e 7,9% nas habitacións en pisos compartidos. O observatorio tamén indica que a mocidade galega debe dedicar algo máis de 60% do seu salario para alugar unha vivenda.

Compartir a residencia, opción á que se ven abocadas moitas persoas mozas para poder emanciparse, custa como media 308 euros ao mes na Galiza, 42% máis que hai cinco anos (2018), segundo o estudo de Vivendas compartidas en España en 2023, baseado nos prezos da vivenda en aluguer dos últimos oito anos do Índice Inmobiliario Fotocasa. Ao comparar os prezos de 2023 cos de 2015, a diferenza dispárase até alcanzar 52%, é dicir, pasa dos 202 euros por mes de decembro de 2015 aos 308 euros por mes do último mes do ano pasado.

Axudas sen eficacia

Neste contexto, as axudas desenvoltas pola Xunta da Galiza para o pago do aluguer teñen como límite nas sete cidades as vivendas que superen 600 euros de renda mensual, nas vilas e concellos urbanos as de máis de 550 euros e no resto do país as de máis de 425 euros, polo que fican sen eficacia nos concellos cos prezos máis elevados.

Comentarios