Vivenda

O prezo do aluguer non ten teito na Galiza: un piso de 60 metros cadrados xa custa 517 euros

O prezo medio do alugueiro incrementouse no país en 8,4% en 2023, a suba máis alta desde 2019.

O metro cadrado en aluguer acadou en xaneiro 8,08 euros na Galiza (Foto: Nós Diario).
photo_camera O metro cadrado en aluguer acadou en xaneiro 8,08 euros na Galiza. (Foto: Nós Diario).

O prezo da vivenda en aluguer na Galiza fechou 2023 cun incremento anual de 8,4%, situándose nunha media de 8,63 euros por metro cadrado, segundo datos do portal inmobiliario Fotocasa. Así, este incremento supón a suba máis alta na Galiza desde 2019, e o décimo primeiro incremento detectado nos 17 anos de historia desta estatística.

A pesar diso, e aínda que o dato galego creceu máis que a media estatal (+5,7%), o prezo segue por debaixo desta última cifra. De feito, no total do Estado en decembro o metro cadrado alugado custaba 11,66 euros.

Co actual prezo medio na Galiza, segundo as estimacións de Fotocasa, un piso de 60 metros cadrados xa custa uns 517,8 euros ao mes; unha vivenda de 70 m2, pola súa parte, escala xa aos 604,1 euros de media na Galiza.

"O mercado do aluguer atravesa un dos seus momentos máis complicados. Aínda que a suba anual está por baixo de 6% e xa non crece a dous díxitos como vimos durante o primeiro semestre de 2023, o aumento segue sendo moi significativo", sinalou a directora de Estudos de Fotocasa, María Matos.

Este incremento explícase, na súa opinión, polo "considerábel desequilibrio" entre oferta e demanda, pois "nunca" a oferta en aluguer fora tan reducida como na actualidade. "O stock en aluguer atópase baixo mínimos, o que supón un gran obstáculo para case 40% de inquilinos. O ano fecha cun forte tensionamiento nos prezos, que chegaron a superar incluso a marca rexistrada durante a burbulla de 2007, e deixando un novo máximo", engade Matos.

Por provincias, en Pontevedra o prezo do arrendamento aumentou 10,7% en 2023, até 9,94 euros o metro cadrado, sendo a área galega máis cara. No lado oposto situouse Lugo, con 6,86 euros o metro, un 5,4% máis. En Ourense, o custo do metro cadrado subiu 8,8% o ano pasado, até 6,91 euros, mentres que na Coruña fixo o propio 7,1%, até 8,41 euros.

En todas as capitais de provincia da Galiza tamén subiu o prezo do aluguer, comezando pola cidade de Lugo, cunha repunta de até 18,3% —7,37 euros o metro cadrado—. En Ourense, pola súa parte, o incremento foi de 11,1%, con 7,19 euros.

O custo en Pontevedra ascendeu 9,7%, até 8,60 euros, do mesmo modo que na Coruña, con 10,13 euros, un 5,7% máis. Noutras cidades, como en Vigo, o prezo subiu 8,3%, até 10,04 euros, e en Santiago, 12,1%, con 9,54 euros.

A Coruña tería, pois, o prezo máis elevado: 607,8 euros ao mes de media por un piso de 60 metros cadrados e até 709,1 euros por outro de 70 m2.

Comentarios