O presidente da Xunta retráctase e sitúa agora a súa dimisión "a partir de abril"

Feixoo afirma que "unhas semanas despois (de ser escollido presidente do PP) faremos un cambio lento, medido, sereno e previsíbel na Presidencia da Xunta".
O Consello da Xunta decorreu nesta quinta feira en Lugo. (Foto: David Cabezón)
photo_camera O Consello da Xunta decorreu nesta quinta feira en Lugo. (Foto: David Cabezón)

O aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, situou a súa dimisión "a partir de abril", após afirmar un par de semanas atrás que non decidiría a súa marcha do Goberno galego até maio.

Feixoo remarcou que será en abril cando tome a decisión de renunciar ao seu cargo institucional, ao mesmo tempo que dimita como presidente do Partido Popular (PP) galego, despois de ser ratificado como xefe de filas dos populares a nivel estatal, obrigado polos Estatutos da súa formación política.

A pesar de que nun primeiro momento Feixoo marcara maio como mes no que decidiría cando deixar a presidencia da Xunta, agora afirma que o período de transición durará "unhas semanas", nas que compatibilizará ambos cargos, algo polo que está a ser duramente criticado pola oposición. 

En rolda de prensa, defendeu que xuridicamente é "perfectamente compatíbel" seguir como presidente da Xunta e do PP estatal, como reflexa "con normalidade" toda a normativa vixente, pero asegurou que agora decidiu deixar o Goberno galego nun período "medido".

"Unhas semanas despois (de ser escollido presidente do PP) faremos un cambio lento, medido, sereno e previsíbel na Presidencia da Xunta", confirmando máis se cabe a opción de que o suceda o actual o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda. 

Últimas polémicas

Desde que comezou a crise interna do PP a nivel estatal, o nome de Feixoo estivo vinculado cunha posíbel substitución de Pablo Casado á fronte dos populares, mais tamén se viu relacionado coa polémica polo seu papel xogado nesta crise.

Nun primeiro momento, Feixoo foi criticado por apoiar a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, a pesar de estar inmersa en presuntas irregularidades polo pago de comisións ao seu irmán, Tomás Díaz Ayuso. Tamén estivo no punto de mira polas filtracións de que pretendía ser escollido presidente estatal do PP polos dirixentes autonómicos da formación, no canto de ir a un Congreso ordinario ou extraordinario. Algo que tivo que sair o propio Feixoo a desmentir.

Xa como candidato, o aínda presidente da Xunta fixo varias declaracións polémicas durante a súa xira polo Estado español para presentar o seu proxecto aos afiliados do PP. Após a reunión de presidentes autonómicos decorrida o pasado domingo, Feixoo acusou o Goberno español de "forrarse" co cobro dos impostos e taxas da luz e o combustíbel, a pesar de que é a propia Xunta quen se encarga de recadar máis da metade destes impostos.

Nesta quinta feira, Feixoo, quen xa deu o seu apoio ao pacto entre o PP e Vox para gobernar en Castela e León, adoptou o discurso da extrema dereita e cualificou a violencia vicaria como "violencia intrafamiliar", a pesar de que o Parlamento galego aprobou de xeito unánime hai menos dun ano unha lei que recoñece a violencia vicaria como violencia machista.

Comentarios