Feixoo ultima o seu equipo para a aterraxe en Madrid

Alberto Núñez Feixoo ultima a mudanza a Madrid. Un traslado no que levará con el varias das persoas da súa máxima confianza que o acompañaron estes anos como presidente e ás que sumará outro grupo xa en Madrid, tamén da súa confianza, para conformar o seu equipo na capital do Estado. Desde alí, e ese é o seu obxectivo, preparará a conquista da Moncloa.
rueda feixoo mar
photo_camera Alfonso Rueda, Mar Sánchez e Núñez Feixoo nunha imaxe de arquivo (Foto: Xunta).

Núñez Feixoo ten ganas de aterrar en Madrid, cidade que coñece ben —residiu alí mentres era presidente do Insalud ou director xeral de Correos— e da que gosta, como volveu manifestar esta terza feira da man da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso. Feixoo dixo ter ganas de se mudar a Madrid e desde alí liderar o PP estatal e preparar o salto ao Goberno español.

Un círculo leal

Para acadar ese obxectivo Feixoo ultima un equipo de confianza, tanto para lle axudar na ponte de mando do partido como de cara a preparar as eleccións e xestionar unha posíbel vitoria.

Son persoas da súa máxima confianza política e, nalgúns casos, tamén persoal, e algúns dos cales xa estaban na mente do aínda presidente galego en 2018, cando preparaba a súa candidatura ao PP español que desbotou no último momento sen desvelar os motivos. Entón dixo: "Para min ser presidente da Galiza é a maior das miñas ambicións políticas". Hoxe, mentres a Galiza atravesa unha grave crise, Feixoo percorre España facendo campaña para liderar o Partido Popular.

Entre eses nomes do 'Equipo Feixoo' o máis repetido é o de Mar Sánchez, que o acompaña desde 2000, cando era directora de comunicación de Correos. Co triunfo do PP nas eleccións galegas de 2009 pasa ser directora xeral de Comunicación da Xunta e desde 2013 é secretaria xeral de Medios. Ten a máxima confianza de Feixoo e aplica unha política de 'man de ferro' cos medios críticos e 'luva de seda' cos favorábeis. É responsábel de que no Goberno galego non haxa filtracións. Nunca.

Outro nome riba da mesa para a mudanza é o de Miguel Tellado, secretario xeral do PP galego, que estaría chamado a ocupar postos de responsabilidade no PP español. Algunhas fontes apuntan tamén a Álvaro Pérez, secretario xeral do Gabinete, e a Marta Varela, directora de Gabinete e a persoa que escribe agora os discursos de Feixoo.

Mesmo o vicepresidente segundo, o monfortino Francisco Conde, amigo íntimo de Feixoo desde hai anos —por iso aceptou ser conselleiro— e con ganas de volver a Madrid, onde ten a vida familiar, daría o salto. E entre os nomes de confianza de Feixoo en Madrid para a nova etapa están Ana Pastor, na que confía para ter autoritas no grupo parlamentario no Congreso e o Senado, e Jaime de Olano, deputado por Lugo e un dos feixonianos de primeira hora na capital do Estado.

Meses preparado

As crónicas de Madrid apuntan que os afíns a Feixoo levaba desde hai un ano preparando a alternativa a Pablo Casado, conscientes de que non tiña percorrido.  

O presidente galego aproveitou o momento oportuno, mais encargouse de que todo estivese preparado para que cando chegase ese momento, todos o buscasen a el.

Comentarios