Ayuso e Feixoo: "Hoxe somos todos un mesmo equipo"

O aínda presidente da Xunta asegurou que Ayuso defendeu Madrid cunha "integridade, solvencia e seriedade" que o deixaron "impactado".
Feixoo e Ayuso durante o acto do PP desta terza feira en Madrid. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Feixoo e Ayuso durante o acto do PP desta terza feira en Madrid. (Foto: Nós Diario)

A presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostraron  unha gran sintonía, con eloxios mutuos, durante un acto en Madrid no marco da xira iniciada por Feixoo para explicarlles aos afiliados o seu proxecto como presidente estatal do Partido Popular (PP).

"Hoxe todos somos un mesmo equipo e a mesma organización", proclamou Ayuso ante os dous mil afiliados do PP de Madrid que acudiron a este acto, segundo afirma o o propio PP, tan só un mes despois da maior crise interna que sufriu a formación, e que rematou coa defenestración do actual presidente popular, Pablo Casado.

Ademais de Ayuso e Feixoo, tamén tomaron a palabra o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida; e o presidente do PP de Madrid, Pío García Escudero, que pecharon filas co presidente do Goberno galego e enxalzaron a súa "xenerosidade" por dar un paso adiante para liderar a formación política.

"O PP de Madrid vai facerche sentir orgulloso de todos nós. Vas poder sentirte orgulloso deste partido", comentoulle Almeida ao presidente da Xunta.

Feixoo: "se che insultan é que che temen"

Pola súa banda, Feixoo devolveul os eloxios, agradeceu o seu apoio á fronte do PP e confesou aos asistentes que descubriu a presidenta madrileña "en plena pandemia". Asegurou que Ayuso defendeu Madrid cunha "integridade, solvencia e seriedade" que o deixaron "impactado". "Nestes momentos críticos de máximo estrés é cando coñeces a xente", subliñou.

Asemade, aludiu ao feito de que outras formacións "non paren de insultala", que, ao seu xuízo, é "proba inequívoca do nerviosismo político que produce". "Se che insultan é porque che temen", engadiu, para afirmar que agora que é candidato a liderar o Partido Popular tamén lle pasa a el.

Tamén destacou o "tándem electoral" formado por Almeida e Ayuso que, segundo dixo, na Galiza cren "infalíbel", e cualificou Madrid como unha cidade acolledora, aberta, próspera que "ama a liberdade". Dito isto, defendeu atender á maioría dos cidadáns desde a "centralidade" e gobernar "absolutamente para todos".

Comentarios