Feixoo decidirá aínda en maio cando abandona a presidencia da Xunta

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa da semana pasada. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa da semana pasada. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)

O presidente da Xunta e candidato á presidencia estatal do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, anunciou que agardará até o mes de maio para tomar a decisión de cando renunciará á presidencia do Goberno galego. Porén, segue a insistir en que é "perfectamente compatíbel" asumir a presidencia da Xunta e a do PP.

Feixoo afirmou ser "consciente de que a presidencia da Galiza precisa tempo completo", aínda que xa adiantou que percorrerá o Estado español durante o mes de marzo para presentar o seu proxecto de partido aos afiliados do Partido Popular.

Neste sentido, o dirixente popular subliñou non desvelará até despois do Congreso Extraordinario do PP, que decorrerá en Sevilla os días 1 e 2 de abril, que persoas formarán o seu equipo para "dedicarse exclusivamente á presidencia" estatal da formación política, nin quen formará parte do seu equipo.

En canto a posíbeis nomes concretos e se algún membro do actual Goberno galego podería acompañalo a Madrid., Feixoo insistiu en que está a pensar en persoas que teñan "experiencia", "formación" e "vocación de servizo público".

Presidencia de Pablo Casado

O presidente do Goberno galego, que previsibelmente sucederá a Pablo Casado á fronte do PP estatal, sinalou que o aínda presidente estatal da formación política non "foi capaz de unir" o partido após gañar o Congreso de 2018.

Feixoo afirmou que o feito de que as relacións internas "fóronse deteriorando pouco a pouco", e admitiu que o PP entrou nun período de improvisación e pouca reflexión, aínda que recoñeceu que Casado tivo algúns "acertos" ao longo dos anos.

"Hoxe estamos ante unha oportunidade, a oportunidade de volver a reconstruír a maioría de centrodereita que é a que neccesita o Estado español", asegurou o dirixente galego, quen tamén manifestou que "democracia non é o máis importante poder escoller Goberno, senón que poder cambialo".

Asemade, Feixoo desmentiu que queira ser escollido presidente por aclamación, presentando unha candidatura única ao Congreso Extraordinario de Sevilla, e afirmou o feito de que se poidan presentar máis candidaturas "é un sinal de normalidade nun partido".

Comentarios