O PPdeG chama a "non resignarse" con gañar as próximas municipais

Rueda pide aos candidatos populares nas sete grandes cidades que "pateen, escoiten e lideren" e que sexan "os candidatos dos barrios".
Alfonso Rueda acompañado dos sete candidatos e candidatas do PPdeG á Alcaldía das principais cidades galegas. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Alfonso Rueda acompañado dos sete candidatos e candidatas do PPdeG á Alcaldía das principais cidades galegas. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O PPdeG pediu aos candidatos do partido nas próximas eleccións municipais, que terán lugar o 28 de maio de 2023, a "non resignarse" con gañar os comicios porque "só vale gañar por maioría absoluta".

No acto de presentación dos sete candidatos ás alcaldías das cidades galegas que decorreu este sábado no Multiusos Fontes do Sar, en Santiago, ante case un milleiro de cargos do partido e simpatizantes, o presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, lembrou que "non serve" iso de que "probabelmente" gañen as eleccións para que "despois todos os que van perder xa estean a facer cálculos para, a pesar de non gañar, pórse a gobernar".

"Non me resigno a que estes homes e mulleres se cadra gañen as eleccións, pero non poidan gobernar; e como non me resigno, pero sei que estas son as regras de xogo, teño que vir aquí a dicir que só vale gañar por maioría absoluta. Con máximo traballo, sen resignarse, pero sabendo o que hai", manifestou.

Coma se da presentación dun equipo de baloncesto se tratase, o PP foi presentando un a un os candidatos, que recibiron o aplauso dos asistentes.

Ferrol

O primeiro en subir ao escenario foi o candidato á alcaldía de Ferrol, José Manuel Rey Varela, que xa foi alcalde da cidade departamental entre 2011 e 2015. Rey Varela ofreceu "esperanza, seriedade, xestión, equipo, capacidade de escoitar e capacidade de resolver" coa "mesma ilusión que o primeiro día", pero "con máis experiencia e determinación que nunca".

Pontevedra

Rafa Domínguez, candidato á Alcaldía de Pontevedra, quixo ser "xusto" e recoñecer o labor do nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores á fronte do consistorio municipal desde 1999, pero agora, sinalou, "toca cambio" e ese cambio "será o PP de Pontevedra".

Santiago de Compostela

A continuación tomou a palabra o candidato do PP en Santiago, Borja Verea, que se comprometeu a "construír a Compostela do século XXI" a través dun Santiago "líder, protagonista, que responda os desafíos, cun centro histórico habitado e habitable e que as rúas recuperen a alegría, a vitalidade e a vida".

Lugo

Elena Candia, cabeza de lista na cidade de Lugo, asegurou que porá todo o seu empeño para "volver pór a Lugo no lugar que se merece". "Teño o apoio do meu partido, a experiencia e a formación de case 20 anos dedicados á política local, pero o máis importante: teño ganas e sei que son capaz", reivindicou.

Ourense

O candidato dos populares en Ourense, Manuel Cabezas, que xa estivo á fronte da corporación municipal ourensá entre 1995 e 2007, sinalou que desde aquelas "a cidade paralizouse". Por iso, tomou a decisión de presentarse aos próximos comicios e pon a súa "experiencia ao servizo da cidade" para "levar a cabo unha segunda gran transformación".

A Coruña

"Son Miguel Lorenzo e vouno dicir alto e claro: quero ser o alcalde da Coruña", iniciou o seu discurso o cabeza de lista na cidade herculina. Lorenzo sostivo que nestes momentos a cidade atópase "conxelada" e necesita "un capitán e unha tripulación para chegar a bo porto". "O meu despacho vai estar na rúa", expresou.

Vigo

A candidata á Alcaldía de Vigo, Marta Fernández-Tapias, márcase como obxectivo nesta precampaña electoral que os barrios "saiban que hai unha alternativa" e que "as asociacións saiban que o tempo das chantaxes pódese terminar moi pronto". Por iso, animou aos seus compañeiros a comezar sete meses de "traballo, traballo e traballo; de patear, patear e patear; e de escoitar, escoitar e escoitar". "Sete meses para dicir que si, en lugar de dicir que non", concluíu.

"Os candidatos dos barrios"

A todos eles, Alfonso Rueda pediulles "que pateen, que escoiten, que lideren, que convenzan e que sigan facendo o que están a facer" e, en definitiva, que representen "o partido que máis se parece a Galicia", que sexan "o partido dos veciños" e "os candidatos dos barrios".

"O PP ten que ser o partido dos veciños de Teis, da Parda, da Ponte, de Vite, da Sagrada Familia, da Milagrosa, de Recimil e de todos os barrios do sete cidades e dos concellos de Galicia", destacou o líder popular.

Baixo a lema 'Somos maioría', o presidente do PPdeG sinalou que os veciños non queren que "perdan o tempo en pelexas" con socios de goberno que, engadiu, "están todo o día con formulacións ideolóxicas", que "a palabra xestión parécelles exótica" e que "cren que a ideoloxía ten que estar por encima de calquera cousa".

Así, animounos a que "non dean nada por perdido", pero "tampouco nada por gañado". Neste sentido, apelou á "marca do PP" de "saír a gañar en todas partes e non renunciar a absolutamente nada".

Comentarios