Marta Fernández-Tapias faise co liderado dun PP vigués dividido

A delegada da Xunta en Vigo faise coa Presidencia do PP local, ao vencer ao seu rival, Javier Guerra. A tensión durante a campaña tivo o seu momento álxido semanas atrás, cando a comisión organizadora do congreso local alertou de intentos de "afiliación irregular". Feixoo clausura o congreso apelando a unir o PP vigués para superar os "humillantes" resultados electorais na cidade.
Marta FernándezTapias e Alberto Núñez Feixoo, no congreso do PP vigués (Foto: Marta Vázquez / Europa Press)
photo_camera Marta FernándezTapias e Alberto Núñez Feixoo, no congreso do PP vigués (Foto: Marta Vázquez / Europa Press)

O PP de Vigo puxo fin a un período de máis de dous anos de interinidade este sábado, 18 de decembro, coa proclamación como presidenta de Marta Fernández-Tapias, que anunciou o comezo "dun camiño desde Vigo, por Vigo e para Vigo" e fixo un chamamento para "traballar xuntos" ao outro candidato, Javier Guerra, e o seu equipo. 

Durante o XIII Congreso Local do PP de Vigo, Fernández-Tapias impúxose con 300 votos ante o outro candidato, o ex conselleiro e senador Javier Guerra, que obtivo 222. En total, emitíronse 523 votos, un deles en branco, e había un total de 615 afiliadas e afiliados chamados a participar. 

Este congreso puxo fin a dous anos e medio de interinidade en que unha xestora presidida pola ex alcaldesa Corina Porro estivo á fronte do partido e a unha campaña tensa entre os dous candidatos, que non se saudaron nin durante nin despois do acto.  

Algúns militantes presentaron cartas nas que se anunciou a impugnación do congreso ou se sinalou a imposibilidade para poder votar a pesar de afirmarse o cumprimento dos requisitos.  

Así concluíu un proceso que busca rearmar o PP de Vigo despois do desastre electoral das municipais de 2019, cando quedou con 4 edís. Ábrese deste modo un período que se deberá centrar en tratar de arrebatar a Alcaldía a un Abel Caballero que conta con 20 dos 27 edís da corporación municipal.  

Despois de coñecerse os resultados, a presidenta electa realizou unha intervención en que insistiu en "mostrar as portas abertas" a Javier Guerra e o seu equipo para "traballar xuntos" co obxectivo de converter o PP "nun partido útil para a cidade". Ademais, garantiu a súa "lealdade" ao presidente e o vicepresidente primeiro da Xunta, Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda -que ademais é presidente provincial do PP-. 

De feito, a súa candidatura estivo apoiada por varios directores xerais e o  ex alcalde Manuel Pérez, mentres os concelleiros do PP na cidade, a senadora Elena Muñoz e o deputado Diego Gago secundaron a de Guerra.  

En liña coa mensaxe transmitida durante a súa campaña, volveu reivindicar a súa vinculación coa cidade e comprometeuse a traballar para que "os vigueses recuperen o orgullo de ser do PP" e o partido senta o mesmo respecto á urbe.  

Fernández-Tapias, que é delegada territorial da Xunta en Vigo, afirmou que se debe "ir a por un alcalde que reclama o protagonismo para si" e "unha tenente de alcalde manchada pola corrupción" que "seguen sen dar ningunha explicación" sobre a sentenza que condenou un funcionario do Concello polo “enchufe” a unha cuñada de Carmela Silva. 

Aliás, anunciou o nomeamento de Chema Figueroa, concelleiro en varios mandaros e sucesor de Corina Porro cando esta deixou o liderado do PP local, como presidente de honra do PP de Vigo. 

Feixoo chama a unir o PP de Vigo  para superar os resultados "humillantes"

Pola súa banda, o presidente da Xunta, que clausurou o acto, lembrou o congreso que en 2006 levouno a liderar o PP galego para defender que a unidade alcanzada tras o mesmo derivou en catro maiorías absolutas en eleccións galegas. Con esta lectura, pediu "unidade e humildade" aos afiliados "para construír unha alternativa real" ao Goberno local de Abel Caballero. 

Deste modo, sinalou a unidade como o modo de superar os "humillantes" resultados das pasadas eleccións municipais. "A primeira decisión que se toma nun congreso non é elixir un presidente do partido, é responder á pregunta de se queremos gañar todos ou perder todos", aleccionou, ao tempo que advertiu de que se debe "remar na mesma dirección" ou "se volverá fallar". 

"Acórdome do congreso anterior e todos nos acordamos do que pasou e dos resultados que produciron o que pasou posteriormente", incidiu Feixoo en alusión ao evento en que Elena Muñoz venceu fronte a Guerra e pasou a liderar un PP que quedou con catro concelleiros na cidade.   

"Presidenta, presidenta” 

Tras coñecerse os resultados, Fernández-Tapias foi rodeada por un grupo de militantes que corearon 'presidenta, presidenta' entre aplausos. 

Posteriormente, fundiuse en abrazos coa ex ministra Ana Pastor e outros históricos militantes populares. Ademais, compareceu ante medios gráficos xunto a Pastor e o secretario  xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado. 

Apoio a Guerra 

Pola súa banda, afíns a Javier Guerra mostráronlle o seu rodeándoo e coreando o seu nome. Na súa intervención, realizada durante as votacións, este candidato volveu reivindicar a necesidade de escoitar as bases e denunciou que no Congreso Local anterior "as cousas foron moi diferentes". 

Así, afirmou que "non é xusto" que a "un afiliado que vai un domingo a unha mesa electoral non se lle exixa estar ao corrente dos seus pagos" e "non se lle deixe actualizalos" para participar no realizado este sábado. 

Precisamente, afíns a esta candidatura chegaron a denunciar obstáculos para  regularizar as súas cotas ou votar nunha campaña cuxo pico de tensión tivo lugar cando a Comisión Organizadora do Congreso ( COC) comunicou que o senador e persoas afíns facilitaran as súas contas para a domiciliación de cotas de afiliados e alertou de intentos de afiliación irregular. 

 Ante esta situación, a candidatura de Fernández-Tapias acusou de realizar "manobras" na "sombra" a Guerra, que xustificou que se trataba de persoas da súa contorna e, por tanto, dunha actuación permitida. 

Comentarios