A incerteza paira sobre o Goberno de Ourense a menos dun ano das eleccións

O alcalde reúnese esta terza feira con representantes do PP para "aclarar a súa posición" sobre o pacto de goberno, logo de que o novo presidente popular, Manuel Cabezas, dixese que a cidade leva tempo "nun terreo enlamado".
Á esquerda, Manuel Cabezas, novo líder local do PP; á dereita, o alcalde de Ourense e dirixente de DO, Gonzalo Pérez Xácome. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Á esquerda, Manuel Cabezas, novo líder local do PP; á dereita, o alcalde de Ourense e dirixente de DO, Gonzalo Pérez Xácome. (Fotos: Europa Press)

A coalición de Goberno de Ourense, formada por Democracia Ourensá (DO) e Partido Popular (PP), encara os últimos meses da lexislatura cunha crecente incerteza sobre se aguantará até que a cidadanía volva ser chamada ás urnas.

O alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, anunciaba esta segunda feira que deixaría de acudir aos actos organizados pola Xunta da Galiza —agás nos que o Concello sexa parte implicada—, após considerar que o Goberno de Alfonso Rueda "afeou Ourense" ao situar o rexedor "varios asentos por detrás de cargos de libre designación do PP" na entrega das Medallas de Oro da Galiza.

A ollos de Pérez Xácome, esta situación é "unha tomadura de pelo" que, asegura, xa se repetiu en máis ocasións. "Non é algo puntual, senón un 'modus operandi' que se está a volver habitual nos actos da Xunta: relegar a representación do Concello de Ourense", dixo.

Esta terza feira o alcalde ourensán reunirase coa portavoz popular, Flora Moure, e mais co tamén concelleiro do Goberno e secretario local do PP, Jorge Pumar, a fin de que "aclaren a súa posición sobre o grupo de goberno municipal e sobre o pacto estabelecido entre DO e PP para gobernar a cidade".

Mais as diferenzas no Goberno local non se limitan aos actos institucionais da Xunta. Segundo explicou Pérez Xácome nun comunicado, toma esta iniciativa "á vista das informacións publicadas nos diferentes medios de comunicación" e de "filtracións varias que chegan por todos os lados".

Tamén fai alusión ás declaracións aos medios do novo presidente do PP local, Manuel Cabezas, nas que "di que se vai a reunir con eles para reflexionar sobre se deciden seguir ou non no goberno municipal".

Cabezas dixo que Ourense "está nun terreo enlamado"

Así, Cabezas, que xa liderara a cidade entre 1995 e 2007, dixo recentemente que "se abre unha nova etapa para volver facer de Ourense un proxecto común para todos" após o seu nomeamento. Un proxecto que busca "o progreso para a cidade" nun momento no que a política municipal "está nun terreo enlamado".

"Isto non é seriedade nun grupo de goberno, polo que lles imos exixir un firme compromiso e unha declaración pública deste compromiso para poder continuar no grupo de goberno. A estabilidade do goberno municipal vai máis aló de intereses electorais. Con Ourense non se xoga", dixo o rexedor, en relación a este asunto.

Comentarios