O CIS eleva a estimación de voto do BNG para o mes de outubro até 0,6%

A formación nacionalista sobe unha décima porcentual en relación a 0,5% que lle daba o barómetro de setembro.
Barómetro do CIS no mes de outubro. (Foto: Europa Press)
photo_camera Barómetro do CIS no mes de outubro. (Foto: Europa Press)

O Barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de outubro outorga unha estimación do voto de 0,6% ao BNG ante unhas posíbeis eleccións xerais. A formación nacionalista sobe neste apartado unha décima porcentual en relación a 0,5% que lle daba o barómetro de setembro, un incremento de 20%.

En clave estatal, o CIS eleva 3,5 puntos a estimación de voto do PSOE até chegar a 32,7%, a súa cota máis alta da lexislatura, e volve situar os socialistas na cabeza, agora cunha vantaxe de catro puntos sobre o PP, que queda en 28,7%.

En terceira posición repite Unidas Podemos con 12,7%, mentres que Vox afunde e baixa dos dous díxitos por primeira vez na lexislatura, conseguindo só 8,8%. Ciudadanos segue por baixo de 3% (2,7% exactamente).

Ao preguntar ás persoas enquisadas a que partido votarían se as eleccións tivesen lugar ao día seguinte, o que se coñece como 'voto directo', un 23,8% xa adiantaba a súa intención de apoiar o PSOE, fronte a un 22,1% que ten decidido votar o PP.  Se a iso se lle engade as simpatías mostradas polos enquisados noutra pregunta, a diferenza entre os dous grandes partidos duplícase até os 3,6 puntos, con 27,4% para o PSOE e 23,8% para o PP.

Valoración de dirixentes estatais

A valoración de dirixentes estatais volve estar encabezada por Yolanda Díaz, de Unidas Podemos, cunha nota media de 4,71 puntos. A segunda praza é para o presidente do Goberno español e dirixente socialista Pedro Sánchez, que con 4,47 puntos logra superar o 'popular' Alberto Núñez Feixoo, que queda cun 4,42.

Sánchez repite como o preferido para presidir o Goberno español, cun respaldo de 22,9% fronte a un 17,4% que menciona Feixoo e un 9,7% que cita Yolanda Díaz. O presidente do Executivo estatal conta coa confianza de 31,5% dos enquisados fronte a 67% que recea del, niveis similares aos de Núñez Feixoo: 28,2% confía nel e 68,4% di ter pouca ou ningunha confianza.

Comentarios