Que se agocha detrás da candidatura de Candia a alcaldía de Lugo?

A concelleira de Mondoñedo e antiga alcaldesa da cidade prepara o seu empadroamento para esta semana en Lugo. A dirixente popular dá este paso tras confirmar a súa candidatura a Alcaldía da cidade das murallas. O camiño que lle queda por diante a Elena Candia non está claro.

A popular Elena Candia vén de deixar a Alcaldía de Mondoñedo para encabezar a lista do PP por Lugo.
photo_camera A popular Elena Candia vén de deixar a Alcaldía de Mondoñedo para encabezar a lista do PP por Lugo. (Foto: Europa Press).

A candidatura de Elena Candia a Alcaldía de Lugo só se explica en chave interna. A súa decisión non está exenta de riscos porén a súa continuidade como máxima responsábel provincial do PP depende de xeito decisivo en converterse en presidenta da deputación para ter capacidade de pór do seu lado aos alcaldes populares das comarcas de Lugo que maioritariamente cuestionan o seu liderado.

Os apoios de Candia entre os populares lucenses son moi escasos. Malia controlar o aparato do partido e a delegación da Xunta en Lugo, a través do xefe de Gabinete de Javier Arias, a oposición interna ao seu liderado é moi forte. Neste grupo crítico, intégranse numerosos alcaldes das diversas comarcas de Lugo así como pesos pesados da formación, con grande predicamento entre as bases, como José Manuel Balseiro.

O futuro de Candia en xogo

O futuro político de Candia decídese nos próximos comicios locais. Un resultado que non permita ao PP recuperar a Deputación, gobernada por nacionalistas e socialistas desde 2007, obrigaría a un relevo á fronte da formación na circunscrición. Neste sentido, a cabeza de cartel en Lugo ten un carácter instrumental, até o punto que os populares dan por feito que no caso de acadar o PP a Alcaldía e a Presidencia da deputación, Candia renunciaría a primeira das responsabilidades para asumir a segunda.

Os próximos e críticos con Candia nas filas populares son conscientes dos riscos desta operación. Aínda que uns e outros ven posíbeis acadar os obxectivos, sinalando que o cambio na deputación pasa por unha mudanza no concello, recoñecen que estes non son fáciles. Ao seu favor xoga a posibilidade de recuperar os votos cedidos a Ciudadanos nos pasados comicios pero recoñecen que socialistas e, sobre todo, nacionalistas atópanse moi fortes.

As enquisas que manexan populares, socialistas e nacionalistas seguen situando lonxe da Alcaldía ao PP porén desde as súas filas agardan que o efecto candidato permita reducir a desvantaxe. Neste sentido, desde PSOE e BNG discrepan da idoneidade de Candia por tratarse dunha persoa allea a cidade e que pode ser percibida como unha “cuneira”. Na mesma liña, afirman que esta candidatura é unha expresión da debilidade do PP na cidade por ter que escoller candidatos de fóra.

As catro opcións do PP

O PP escolleu a Candia dentro dun grupo de catro candidatos. Un deles, Ramón Carballo renunciou a liderar a lista e os outros dous, o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o actual voceiro municipal, Antonio Meijide, non contaban cos apoios suficientes na formación. Malia que os populares sinalan oficialmente que o proceso de escolla é consecuencia dos resultados dunha enquisa, os críticos con Candia lembran que “a enquisa é sempre a coartada da dirección para impor un candidato contra o criterio da militancia”.

A carreira dos lugueses cara as urnas xa comezou hai uns meses porén a formalización da candidatura de Candia dálle unha nova perspectiva. Neste contexto, socialistas e nacionalistas aférranse a manter a súa maioría, non renunciando desde o BNG a superar en votos ao PSOE. Pola súa parte, os populares aspiran a recortar distancias, coa candidatura de Elena Candia, que estará acompañada na lista por Antonio Meijide e a eterna promesa dos populares, Quique Rozas.

Comentarios