Municipais de 2023

Lucía Santos e Abraldes encabezan as listas do BNG en Marín e Barro e Manuel Martínez repite en Becerreá con Galicia Sempre

As formacións políticas seguen a confirmar as 'cabezas de lista' de cara aos comicios do próximo ano.
Lucía Santos (BNG), candidata en Marín; Xosé Manuel Fernández Abraldes (BNG), candidato en Barro, e Manuel Martínez (Galicia Sempre), candidato en Becerreá. (Fotos: Nós Diario - Europa Press)
photo_camera Lucía Santos (BNG), candidata en Marín; Xosé Manuel Fernández Abraldes (BNG), candidato en Barro, e Manuel Martínez (Galicia Sempre), candidato en Becerreá. (Fotos: Nós Diario - Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou esta sexta feira na presentación de Lucía Santos como candidata nacionalista á Alcaldía de Marín co obxectivo de "darlle ao Concello un cambio a favor dos veciños".

Tal como reivindicou a formación nacionalista, Santos liderará un equipo "capaz de modificar o rumbo do municipio e pór en marcha políticas transformadoras para mellorar a vida das persoas", do mesmo modo que o Bloque o fixo "noutras localidades da zona" nas que xa goberna, como Pontevedra, Poio, Moaña ou Bueu.

"É un día importante para o futuro de Marín, porque aquí estades un bo número de persoas unidas por unha ilusión común: a de pór en marcha o cambio que necesita este concello. Para arrincar o motor do cambio que necesita Marín estamos aquí, e ese motor é a candidatura do BNG encabezada por Lucía Santos", proclamou Pontón durante o acto.

A líder nacionalista definiu a candidata como unha persoa "íntegra, leal, honesta e con liderado". "Unha muller capaz de crear equipo e que traballa día a día para construír un futuro mellor para os veciños", subliñou Pontón, quen tamén lamentou que a localidade perdese habitantes nos últimos anos

 "Algo non se está facendo ben porque non só perde habitantes, senón que tamén decrece a actividade económica, o comercio e vemos un concello paralizado que perde día a día", engadiu, salientando a "posición privilexiada" de Marín na ría e insistindo en que Ence debe abandonala.

Abraldes repite en Barro

Tamén confirmou esta sexta feira que o seu nome volverá encabezar unha lista electoral o actual alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, a través dun comunicado publicado no seu perfil en Facebook.

"As compañeiras e compañeiros do BNG propuxéronme que volva encabezar a candidatura ás eleccións municipais do ano que vén. Quero agradecerlle a confianza que depositan en min para manter a Alcaldía do noso concello. O impresionante equipo co que conto, o apoio permanente de toda a militancia e simpatizantes do BNG e a colaboración, comprensión e cariño que me transmite a veciñanza de Barro anímanme a presentarme de novo para seguir sendo o seu alcalde. Volverei afrontar este reto coa mesma ilusión, gana e responsabilidade coas que o fixen no 2015,cando acadamos a Alcaldía por primeira vez", sinalou.

Manuel Martínez busca a reelección en Becerreá

Pola súa parte, quen ostenta a Alcaldía de Becerreá desde 2007, Manuel Martínez, tamén ratificou nesta xornada a súa candidatura en 2023, por medio da formación Galicia Sempre, que el mesmo fundou de cara aos comicios de 2019 após abandonar o PSdeG. Martínez destacou que mantén "conversas" con "moita xente", tamén "con outros partidos independentes" de cara ás próximas municipais.

"A decisión miña e do grupo no que estou é volver presentarnos por Galicia Sempre, seguir contando coa confianza dos veciños de Becerreá, que terán que decidir quen os vai dirixir os próximos catro anos [...] Non teño previsto facer outro tipo de actuación", resolveu.

Ao ser interpelado sobre se o contactou o PP, o alcalde de Becerreá deixou caer que "en política tócase todo", para a continuación sinalar que está "moi satisfeito", porque ve como os candidatos que hai case catro anos 'ficharon' por Galicia Sempre "son o obxecto do desexo de todos os partidos políticos".

"Hoxe vemos como ao candidato de Sarria están a facerlle as beiras [desde o PSOE]. Xa o fixeron tamén en Meira e Burela", constatou Martínez. Dito isto, celebrou que o seu partido "é unha canteira importante de políticos agora e no futuro". "Os principios de Galicia Sempre son que cada un no seu concello pode actuar en función dos intereses dos veciños e non dun partido político que marca as liñas a seguir", sentenciou.

Comentarios