A falta de tirón electoral de Rueda preocupa no PP galego

O PP está contento coas sondaxes favorábeis no Estado, pero na Galiza non tanto. Mentres os inquéritos que chegan de Madrid debuxan unha formación á alza que marca distancias co PSOE no conxunto do Estado, na Galiza as enquisas amosan un partido que retrocede posicións en relación coas eleccións galegas de 2020 e cunha importante debilidade nos núcleos urbanos. As municipais serán unha proba para o PP e sobre todo para Rueda.
As enquisas debuxan unha caída na valoración de Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)
photo_camera As enquisas debuxan unha caída na valoración de Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)

As campañas electorais das locais son propicias para as empresas de sondaxes. Se nos meses previos aos comicios as formacións políticas adoitan encargar estudos para coñecer a opinión cidadá e mesmo para definir o cabeza de cartaz, nas datas próximas ás eleccións adoitan contratar enquisas para analizar a intención de voto e como lles vai no proceso.

Avalancha de enquisas

O PSdeG e o PP teñen encargado nas últimas semanas un bo número de sondaxes a diversas empresas. A práctica totalidade delas están centradas no ámbito local, por conseguinte condicionadas pola especificade de cada un dos concellos, pero a suma dos datos dos diversos estudos permite fixar as grandes tendencias electorais na Galiza. Neste sentido, non existen diferenzas entre os resultados obtidos polas diferentes compañías demoscópicas.

Os trazos das sondaxes

A grandes trazos, as sondaxes retratan un panorama nos ámbitos urbanos moi semellante ao actual. Así, as mesmas non outorgan ningunha posibilidade ao PP na Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo, delimitando un campo máis aberto en Ferrol, Lugo e Ourense.

Nesta liña, as proxeccións das dúas primeiras cidades adiantan como máis probábel un resultado semellante ao actual, sendo Ourense a localidade onde o PP pode retornar á Alcaldía co apoio do actual rexedor, Gonzalo Pérez Xácome, de Democracia Ourensá.

As eleccións galegas fican aínda moi lonxe pero as súas perspectivas actuais preocupan nas filas populares. Neste sentido, as sondaxes colocan o PP perto da maioría absoluta, pero cunha tendencia á baixa nun contexto de alza no conxunto do Estado e de reagrupamento do espazo da dereita baixo o paraugas dos populares. Ao tempo, o BNG segue subindo, sumando co PSdeG e Unidas Podemos para conformar un Goberno alternativo ao PP.

A valoración de Rueda

As sondaxes de catro empresas diferentes ás que tivo acceso Nós Diario non deixan en bo lugar a Rueda. Malia ter aumentando o seu nivel de coñecemento  desde o seu nomeamento como presidente da Xunta da Galiza, a súa valoración ten caído. Tanto é así, que algúns dos dirixentes populares consultados por Nós Diario recoñecen a súa falla de tirón electoral e avanzan a necesidade dunha mudanza na súa imaxe ao fin de que a poboación o perciba como alguén máis próximo, capaz de empatizar cos seus problemas.

Alfonso Rueda non será candidato nas eleccións locais de 2023 pero os comicios representarán a primeira revalida para o sucesor de Feixoo. Aínda que ninguén no PP galego quere pensar nuns malos resultados e agardan superar a porcentaxe de votos dos comicios locais de 2019, todos coinciden en que Rueda está diante da súa primeira gran proba de lume.

Comentarios