Alcalde de Pontevedra

Miguel Anxo F. Lores: "Teño ilusión por seguir facendo avanzar Pontevedra"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, é impulsor dun modelo de cidade premiado internacionalmente. Nós Diario aborda co rexedor da cidade do Lérez o 'Modelo Pontevedra' así como as súas expectativas para as eleccións municipais que decorrerán en menos de un ano.
O rexedor da cidade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no seu gabinete. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
photo_camera O rexedor da cidade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no seu gabinete. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).

—Presentouse onte en Pontevedra a marcha contra celulosas. Ten esperanza de que Ence marche da ría nesta lexislatura?
A noticia importante que nos dá esperanza é que hai unha sentenza da Audiencia Nacional que indica que foi ilegal a prórroga para ficar na ría que o Goberno de Mariano Raxoi concedeu a Ence. A nosa intención é recuperar a ría de Pontevedra para os usos que sempre debeu ter e non estar a disposición dunha empresa privada que, ademais, promove a eucaliptización do país. 

Temos todos os argumentos xurídicos e sociais ao noso favor para recuperar a ría para as veciñas e veciños. 

—O 'Modelo Pontevedra' goza de recoñecemento internacional. Que actuacións ten pensado levar a cabo para continualo?
O noso é un modelo integral que moitos outros concellos de diferentes partes do mundo queren coñecer e implementar. Tomamos unha decisión política cando estramos a gobernar de transformar unha cidade que era un almacén de coches por unha cidade onde o espazo público é para a cidadanía.

Con todo, o proxecto non está acabado, é un proxecto dinámico e flexíbel que se vai adaptando ás necesidades. Creo que a liña é a correcta: autonomía das persoas e equidade; ademais é unha liña compatíbel coa loita contra o cambio climático.

—Que supuxo a recuperación do convento de Santa Clara para Pontevedra?
A recuperación de Santa Clara foi unha das mellores noticias non só deste mandato mais tamén das últimas décadas. 
Foi unha recuperación dun patrimonio histórico que ten un compoñente de certo misterio que xera unha grande ilusión en toda a cidadanía.

Estou desbordado polo interese que a veciñanza mostrou por un espazo que durante 75 anos estivo fechado aos ollos dos pontevedreses. Máis de 17.000 persoas visitaron o convento desde a compra por parte do Concello hai seis meses. 

—Cales son as expectativas para as eleccións municipais de 2023? Liderará a candidatura?
Esa é unha decisión que aínda non está tomada. En todo caso eu transmitín a miña ilusión por continuar a traballar e seguir facendo avanzar Pontevedra.

Encóntrome ben para levar adiante os proxectos que están en marcha e que están facendo de Pontevedra un referente en moitas cuestións como é a xestión de resíduos sólidos domésticos.

—Alfonso Rueda, veciño de Pontevedra, tomou posesión como presidente da Xunta hai un mes. Falou con el desde que é presidente e cre que o feito de ser de Pontevedra redundará nas políticas da Xunta para a cidade?
Falo con el regularmente porque coincido con el en diferentes actos. As miñas experiencias con políticos de Pontevedra tanto na Administración estatal como na galega non son positivas. Mais nunca perdo a esperanza, a miña obriga como alcalde é levarme ben cos resposábeis doutras Administracións e buscar o mellor para Pontevedra. O que sei é que non calarei ante unha falta de compromiso coa cidade.

—Está vostede de aniversario, ao igual que o Sermos Galiza. Hai dez anos o semanario botaba a andar cunha entrevista a vostede no seu número cero. Cal cre que é a mudanza máis importante que se deu nesta última década?
Antes de máis, os meus parabéns a Sermos Galiza. É vital para Galiza a existencia de medios propios en galego como é o caso de Nós Diario e é un escándalo que a Xunta o deixara fóra das axudas aos medios.

A mudanza principal que destacaría destes últimos dez anos para min é que o nacionalismo e o BNG están como segunda forza política e que somos unha alternativa real ao Goberno do PP que tamén nos últimos dez anos só empeorou a situación do noso país. 

—Como ten pensado celebrar o seu aniversario?
Celebrareino o domingo que vén que é cando vou estar máis libre após os actos destes días. Será unha celebración coa familia e con amizades.

Comentarios