O Bierzo reivindícase ante as eleccións en Castela e León: "Estamos abandonados"

O sentimento de abandono medra nesta comarca de 128.000 habitantes, que na última década perdeu 10% da súa poboación e cunha taxa de paro, 18%, que duplica a media autonómica de Castela e León. 
Bierzo wikimedia commons
photo_camera (Foto: Wikimedia commons)

O Bierzo mira para as eleccións do 13 de febreiro en Castela e León coa esperanza de que sexan "un punto e á parte" para a comarca, en palabras de Iván Alonso, concelleiro en Ponferrada e membro do Consello Comarcal do Bierzo.

O Bierzo son 3.000 quilómetros cadrados e por volta de 121.000 habitantes após perder 10% da súa poboación desde que empezou o presente século. Uns anos marcados pola destrución de industria, moi ligada á economía do carbón (minas, térmicas), o despoboamento, a falla de infraestruturas e a eiva en servizos como a sanidade.

"Nestas eleccións xogámonos algo histórico", explica a Nós Diario Iván Alonso, de Coalición polo Bierzo, "que por primeira vez haxa unha representación berciana nas Cortes de Castela e León". Até agora, apunta, houbo deputados e deputadas do Bierzo "mais en partidos estatais, que votan o que lles di Madrid ou Valladolid (cidade onde está o Parlamento e a Junta) e non pensando na comarca". 

Alonso recoñece que non vai ser tarefa doada ter representación: O Bierzo está na circunscrición electoral de León e obter un procurador nas Cortes "custa sobre 12.000 votos, cando en Soria, por exemplo, son só 6.000", lamenta. "Estamos infrarepresentados, deberiamos ser circunscrición", conclúe.

"Somos os grandes esquecidos"

Raúl Rodríguez Canca é o cabeza de lista ás eleccións do 13-F pola coalición 'Coalición polo Bierzo-Bierzo Existe'. "Esta comarca somos os grandes esquecidos, só hai que mirar as asignacións dos orzamentos do Estado ou da autonomía de Castela e León", manifesta a Nós Diario.

"Temos unha taxa de paro  de 18%, que duplica a media autonómica; infraestruturas como a A-76, o lazo ferroviario, Manzanal non van adiante; en sanidade estamos con recortes e poucos servizos; non houbo unha transición económica xusta para esta comarca..." enumera o candidato, que resume a situación do Bierzo en "hai un abandono total" por parte das Administracións.

Ese sentimento de abandono é partillado mesmo por quen non  se considera "bercianista", como María Arias, que afirma en conversa con este medio que votará "á esquerda-esquerda". Mais, di, "non creo que O Bierzo reciba para nada o trato que merece" e considera que este "abandono" pode explicar, ademais de ligazóns culturais e históricas, que unha parte dos bercianos e bercianas miren para a integración na Galiza como "algo desexábel, positivo".

Mais ese debate non está na mesa cara ás eleccións. Si hai, porén, quen como Iván Alonso defende unha dotación de competencias maior para o Consello Comarcal do Bierzo –primeira e única comarca recoñecida como tal por CeL–,"en sanidade, gandaría...". 

O Consello está integrado por 38 concellos e ten certas competencias. Alonso tamén aposta pola creación dunha grande área sanitaria que inclúa O Bierzo e Valdeorras, co que se lograría unha cifra de usuarios que, indica, garantise que houbese unha boa carteira de servizos e especialidades.

"Fronteira estúpida"

Raúl Rodríguez chama a que o 13-F sexa un "inicio" e rematar "cun bipartidismo que nos afunde". Alonso apela a crer "no futuro do Bierzo" e tamén considera que "non podemos de costas ao Courel, Ancares ou Valdeorras" por "unha fronteira administrativa estúpida".

Ampliar os dereitos lingüísticos dos 25 mil galegofalantes

O número de falantes de galego no Bierzo anda polos 25.000, segundo os datos facilitados polo profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente da Real Academia Galega, Henrique Costas. A preguntas de Nós Diario, o activista berciano Xabier Lago, portavoz de Fala Ceibe, remite as 11 demandas no campo lingüístico e cultural que o colectivo trasladou aos partidos que concorren ás eleccións do 13 de febreiro. 

Unhas peticións polas que instan a estas candidaturas a dar pasos para que, cando se abra a reforma estatutaria, o estatuto de Castela e León "recoñeza expresamente a lingua galega como oficial". Tamén propoñen a recuperación e legalización da toponimia galega, avances no uso do galego desde as Administracións e dotar o Consello Comarcal do Bierzo de "capacidade de iniciativa lexislativa" e competencias na cuestión do idioma, entre outras demandas.

Comentarios