O PP veta sacar a simboloxía franquista de edificios públicos

A eliminación da simboloxía franquista aínda presente na Galiza segue a suscitar posturas diferenciadas entre as formacións con representación no Parlamento galego. Unha disparidade que onte volveu a se manifestar na Cámara durante o debate dunha proposición non de lei que instaba a unha retirada 
desa simboloxía dos edificios públicos. 
Escudo franquista no edificio de Aduanas en Vigo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Escudo franquista no edificio de Aduanas en Vigo. (Foto: Nós Diario).

Máis de 650 símbolos e distincións franquistas fican aínda presentes na Galiza, segundo a conta que o sociólogo, investigador e activista pola memoria histórica Manuel Monge publicou no libro Os restos do franquismo na Galiza. Unha simboloxía presente nunha disparidade de maneiras, desde a fachada da Audiencia Provincial de Pontevedra a nomes de rúas —só en Beariz hai catro rúas e prazas adicadas a personalidades do franquismo—, pasando polo xugo e as frechas presentes nun dos botafumeiros da Catedral de Compostela —o deputado nacionalista Luís Bará anunciou esta cuarta feira unha iniciativa ao respecto—.

A comisión de Xustiza e Interior do Parlamento galego debateu esta cuarta feira unha proposición non de lei presentada polo Parido Socialista que demandaba elaborar un informe técnico onde se relacione toda esta simboloxía presente no país, así como a a eliminación da simboloxía e nomenclatura fascista, instando á colaboración con outras Administracións, "nomeadamente Concellos". A proposta contou co apoio, ademais da formación socialista, do BNG. O PP votou en contra, polo que a proposta foi rexeitada.

"Difícil de entender"

"É difícil de entender que a estas alturas haxa que traer aquí unha proposición pedindo á Xunta que cumpra unha lei de 2007 [pola Lei de memoria histórica] e un mandato parlamentar de 2008 [instábase á Xunta a eliminar a simboloxía franquista]", lamentou Paloma Castro, do PSdeG.

A deputada socialista denunciou que desde a chegada do PP á Xunta en 2009 "non se destina nin un euro a memoria histórica" e pediu que se impulse un plan de retirada desta simboloxía ao tempo que se "recupera a memoria das e dos represaliados".

A "antimemoria" do PP

Luís Bará (BNG) criticou a "aversión" do PP a todo o que sexa "memoria histórica". Denunciou que estes anos de Gobernos do PP "afogaron" economicamente as iniciativas pola memoria mais si tiñan cartos, dixo, "para dar 44.000 euros aos Franco para abrir ao público o Pazo de Meirás, cando tiñan a obriga de abrilo de balde ao ser Ben de Interese Cultural". Bará sinalou que a Galiza, canda Madrid e Murcia, son os tres únicos territorios do Estado que non teñen "ningunha" política pública de memoria.

Explicou que se a día de hoxe segue a haber estas iniciativas sobre retirada da simboloxía franquista é porque a Lei de memoria histórica, "malia ser un avance, era insuficiente".

O PP nega ter un pasado "ligado ao franquismo"

O deputado popular Pazos Couñago acusou a oposición de usar a memoria histórica como "arma arrojadiza" contra o PP. Afirmou que a Xunta colaboraba con concellos e co Estado en diversas iniciativas neste campo e criticou que a oposición ataque o PP por un suposto pasado ligado ao franquismo, que negou.

Comentarios