PP e PSOE poñen trabas á retirada da estatua do contraalmirante franquista González-Llanos en Ferrol

O pleno municipal debate na vindeira segunda feira unha moción impulsada polos populares que busca impedir a retirada deste símbolo alegando o seu "legado" na cidade. O alcalde, o socialista Ángel Mato, cre que foi un "erro" aprobar a retirada da estatua.
Estatua que homenaxea José María González-Llanos en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Estatua que homenaxea José María González-Llanos en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

O pleno do Concello de Ferrol aprobou o pasado mes unha moción defendida polo colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura que instaba a retirar toda a simboloxía franquista aínda presente na cidade. A proposta obtivo os votos favorábeis de PSdeG, BNG e Ferrol en Común e a abstención do PP.

Porén, o grupo popular emitiu posteriormente un comunicado no que demandaba a non execución do acordo no que atinxe á figura do contraalmirante José María González-Llanos, quen combateu xunto ao bando franquista após o golpe de Estado de 1936. "Recibiu esta graduación en 1958; é dicir, foi un contraalmirante da Armada fascista", precisa o colectivo de presos e presas.

Os populares buscan "que a corporación se comprometa a  recoñecer o legado de González-Llanos", unha cuestión que tamén reivindicou días despois da aprobación da moción o alcalde socialista de Ferrol, Ángel Mato.

"Nós imos defender esa Lei de Memoria Histórica, pero iso non implica que vaiamos adoptar medidas que pouca ou nada sirven para cumprila", dixo o rexedor, subliñando que a aprobación do texto foi un "erro" porque debería terse votado "punto por punto".

Porén, desde o colectivo de presas replican: "Quedan en Alemaña ou Italia estatuas de contraalmirantes dos exércitos nazi ou fascista?". Tamén o BNG instou o alcalde a "actuar con honestidade", xa que "votar a favor dun acordo cando non se asume é un engano á cidadanía".

A debate na segunda feira

O pleno da vindeira segunda feira, 9 de maio, debaterá unha moción do PP que avoga por manter a estatua intacta.

Cómpre lembrar, tal e como salienta o colectivo de presas políticas, que o propio Ministerio de Defensa retirou o pasado 17 de marzo nove rúas do Arsenal ferrolán vencelladas ao franquismo, entre elas a que levaba o nome, precisamente, de González-Llanos.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios