Rueda reivindica o "bilingüismo cordial" e Pontón lémbralle a súa asistencia a unha protesta contra o galego

A portavoz nacional do BNG salienta que o galego é o único idioma de todo o Estado que perde falantes, mentres o presidente gábase de que se utilicen "con total liberdade e cordialidade" ambas as linguas.
Ana Pontón mostra Alfonso Rueda nunha manifestación de Galicia Bilingüe en 2009. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón mostra Alfonso Rueda nunha manifestación de Galicia Bilingüe en 2009. (Foto: Nós Diario)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estreouse esta cuarta feira na súa primeira sesión de control no Parlamento defendendo o "bilingüismo cordial" fronte a un BNG que, dixo "reparte carnés de bos e malos" galegos, logo de que a líder dos nacionalistas galegos lle lembrase a súa presenza no ano 2009 nunha manifestación "contra o galego".

"A min non me fai falta mostrar foto ningunha para dicir unha cousa: nin eu nin o Goberno galego concibimos nunca o galego como un elemento de confrontación, nunca como un elemento de división e menos como escusa para dar carnés de bos e malos galegos, que é para o que vostedes o utilizan", manifestou o presidente no seu primeiro 'cara a cara' coa líder da oposición, Ana Pontón.

Durante a sesión, a portavoz nacional do BNG contrapuxo a foto na que Rueda participaba en 2009, cando o PP estaba na oposición, nunha manifestación de Galicia Bilingüe con outra dunha marcha organizada por Queremos Galego en defensa do idioma.

Rueda criticou que o Bloque considere "un problema" que na Galiza haxa dúas linguas e que se utilicen "con total liberdade e cordialidade". "Nós vemos niso unha riqueza á que non imos renunciar, por moito que vostedes se empeñen nun extremo en impor un monolingüismo e, desde outro extremo, en impor outro monolingüismo. Os extremos ao final parécense bastante máis do que a vostedes lles parece", dixo Rueda.

A iso Pontón respondeu referíndose á presenza de Rueda na manifestación de Galicia Bilingüe para sinalar que nesa xornada "os extremos empezaron a tocarse". "Os sectores máis reaccionarios anticipando o que vemos agora, os pactos do Partido Popular coa extrema dereita", dixo.

Cruzamento de datos

O presidente da Xunta destacou que "hoxe falan galego máis persoas que fai cinco anos". "A vostede non lle interesa que isto se faga público pero é a verdade, se lle vale o IGE a vostede, tamén lle valerá cos datos que lle dou eu e que din que é a primeira vez desde que hai estatísticas que se incrementa o número de falantes", sinalou.

Nesta liña, asegurou que "75% da poboación usa o galego a diario", o que supón "tres puntos máis" que na última enquisa; así como que "a porcentaxe de xente nova que fala en galego están a incrementarse".

Enfronte, Pontón denunciou que o galego é o único idioma de todo o Estado que perde falantes e que, após trece anos do "decreto da vergoña", estase ante a "xeración que menos galego fala".

Así, asegurou que tanto o IGE como a Real Academia Galega (RAG) alertan da escola como un "axente desgaleguizador". "Os nenos e nenas entran na escola falando galego e saen falando castelán". Ademais, entre outros datos, sinalou que 23,9% dos nenos entre cinco e os 14 anos non saben expresarse en galego e que 30% non sabe escribilo.

Comentarios