Exixen retirar do Museo Militar da Coruña todas as referencias a Peñamaría de Llano, que participou da represión franquista

A CRMH rexistrou na Delegación do Ministerio de Defensa na Galiza unha solicitude reclamando a retirada, alegando que non reúne as condicións "militares nin morais" para participar da exposición.
Sergio Peñamaría, primeiro pola dereita, entregando a medalla de ouro da Coruña a Pedro Barrié de la Maza en 1962. (Foto: El Pueblo Gallego)
photo_camera Sergio Peñamaría, primeiro pola dereita, entregando a medalla de ouro da Coruña a Pedro Barrié de la Maza en 1962. (Foto: El Pueblo Gallego)

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) vén de solicitar ao Ministerio de Defensa a retirada, dentro da exposición do Museo Militar da Coruña, dos obxectos referidos a Sergio Peñamaría de Llano.

Nun comunicado remitido aos medios, a entidade mostrou o seu desacordo con que se expoñan nas vitrinas do Museo Histórico Militar da Coruña os obxectos doados pola familia de Peñamaría de Llano, como o uniforme, pistola, banda e medallas, sen ningún tipo de aclaración nin contextualización histórica.

Durante a ditadura participou como fiscal en consellos de guerra e solicitou penas de morte

Conforme sinala a comisión, Sergio Peñamaría de Llano, militar e alcalde da Coruña nos anos 50, participou na posguerra da represión física na comarca de Valdeorras como tenente ao mando do I Terzo de III Bandeira da Lexión.

Aliás, a partir dos anos 40, formou parte como fiscal nos consellos de guerra realizados na ditadura, solicitando penas de morte en procesos realizados sen ningún tipo de garantías xurídicas.

Por este motivo, o presidente e varios representantes da CRMH compareceron esta terza feira na Delegación do Ministerio de Defensa na Galiza para rexistrar unha solicitude reclamando a retirada de calquera obxecto referido a Sergio Peñamaría de Llano.

Considera a entidade que non reúne as condicións militares nin morais para figurar como personaxe representativo da historia desta cidade en tempos dunha cruel ditadura.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios