O PP veta no Parlamento a admisión dunha proposición para "despolitizar" a CRTVG

A proposta defendía mudar o modelo de escolla do director xeral e Consello de Administración.
BNG lei tramitacion crtvg parlamento galego-min
photo_camera (Foto: Europa Press)

O PP empregou a súa maioría no Parlamento galego para botar baixo a toma en consideración dunha proposición de lei presentada polo BNG e que propuña a reforma da Lei de medios públicos de 2011. A proposición, pois, morreu onte no pleno da Cámara malia o apoio do PSdeG á iniciativa nacionalista. "Fan política da mala", reprochoulles a portavoz do PP no debate, Raquel Arias.

Olalla Rodil (BNG) defendeu a necesidade desta proposta. "O que propomos aquí hoxe é transparencia e democracia, despolitizar a CRTVG", afirmou.  

"É preciso desvincular a designación da Dirección Xeral da CRTVG do Goberno galego e promover a selección dos membros do Consello de Administración nun concurso público e así reforzar a súa independencia e o desenvolvemento da misión de servizo público baixo criterios de estrita profesionalidade", sinala a proposición rexeitada.

A deputada nacionalista incidiu, ademais, en que o PP incumpre a propia lei que esta formación aprobou en 2011 en aspectos como o Consello de Informativos ou o estatuto profesional.  "O director xeral leva no posto desde que o nomearan vostedes en 2009 ao pouco de chegar ao poder, e mantéñeno aí sine die para ter o control políticos dos medios públicos", afirmou. 

"Ligazón CRTVG-PP"

Rodil exemplificou esta 'ligazón' entre CRTVG e PP lembrando que cando Alberto Núñez Feixoo dimitiu como presidente da Xunta para ir a Madrid, "levou consigo como asesores de confianza dous membros do Consello de Administración da CRTVG".

A proposición de lei do BNG tivo o apoio do grupo parlamentar socialista. A deputada Noelia Otero criticou o "descaro" do PP ao que acusou de converter a Lei de medios públicos de 2011 en "papel mollado". Otero lembrou que a Galiza ten "a marca a nivel estatal" de maior duración dunha protesta de persoal de medios públicos —en referencia aos 'Venres Negros', mobilización que leva desenvolvéndose desde maio de 2018— e sinalou que a corporación pública acumula sentenzas por vulneracións de dereitos do persoal.

Os argumentos expostos non fixeron efecto no PP. A súa portavoz, Raquel Arias, iniciou a intervención reprochando á oposición "ese ton a estas horas da mañá" para a seguir acusar o BNG de basear a proposición de lei "nunha falacia: que a CRTVG non é independente".

A popular foi máis alá e acusou nacionalistas e socialistas de querer "copiar" para a Galiza "o modelo da TVE, que é un fracaso" e cargou contra o BNG por "politizar". Respondeulle Olalla Rodil: "Isto é o Parlamento e aquí vense a facer política, ou vostedes veñen aquí a facer macramé?".

Comentarios