Feixoo dimite na Galiza para ir a Madrid

Alberto Núñez Feixoo deu nesta sexta feira o adeus definitivo á Presidencia da Xunta da Galiza, após 13 anos no cargo, ao presentar a súa dimisión ao presidente do Parlamento. O primeiro mandatario galego en renunciar ao cargo dixo aspirar a lograr agora que no Estado deixe de ser  "imposíbel" o que é "posíbel" na Galiza.
Feixoo EP-min
photo_camera Núñez Feixoo reuniuse após presentar a súa dimisión cos membros do seu Goberno no Pazo de Raxoi, en Compostela.(Foto: A.Ballesteros / Europa Press)

Alberto Núñez Feixoo é o primeiro presidente da Xunta da Galiza en dimitir. O que anunciou hai unhas semanas, para se dedicar a liderar o PP español, formalizouno esta sexta feira presentando a súa carta de renuncia ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, que será o encargado de pilotar agora o proceso na Cámara para a elección do sucesor. "Estou emocionado e tranquilo", dixo aos xornalistas que o agardaban no Parlamento, a onde chegou acompañado de Mar Sánchez, secretaria xeral de Medios da Xunta e persoa da súa máxima confianza, que dará canda el o salto a Madrid.

Entregada a carta de dimisión —misiva onde do seu puño e letra escribiu a xeito de despedida "Non importa onde, Galiza sempre"—, partiu cara ao Pazo de Raxoi, na Praza do Obradoiro de Santiago, onde mantivo unha reunión co seu Goberno, agora en funcións, para a seguir ler unha declaración institucional.

Declaración na que Feixoo entoou o seu particular "me duele España" de Miguel de Unamuno: "Non podo compartir que en España é imposíbel o que na Galiza é posíbel", asegurou, indicando que a súa dimisión tómaa para pasar a combater a "frivolidade" e "populismo" no que sinala que están instalados no Estado español. Mais non na Galiza. A Galiza, indicou durante o seu discurso, é un exemplo de "diálogo", de "estabilidade", de "unidade" e de "moderación", o que se logrou grazas a estes 13 anos de Gobernos baixo o seu mando. "A Galiza que presidín desde 2009 deixa para a Galiza de 2022 un balanzo para nos sentir orgullosos".

"Só fun intérprete dunha partitura"

Apelou Feixoo a que os "modelos consistentes" de gobernanza "comezan e finalizan" en maiorías, e descualificou aqueles que procuran "rupturas traumáticas" e están nun "nacionalismo excluínte", ao que contrapón o "galeguismo constitucional" no que se enmarca el propio e que herda "de Albor, Laxe, Fraga e Touriño", en referencia aos seus catro antecesores no cargo.

Defendeu que nestes 13 anos a Galiza foi a mellor e enumerou varias actuacións do Executivo en sanidade, educación ou política social. Fixo tamén unha chiscadela a que a súa marcha non implica viraxe de rumbo na Galiza: "As pautas que marcou o pobo galego [nestes 13 anos] vanse manter".

Citou a pandemia, o accidente ferroviario de Angrois ou o naufraxio do Vila de Pintanxo como momentos "duros" dos seus mandatos e emocionouse ao dicir que seguirá a ser "un discípulo da Galiza". 

Quixo ficar na súa despedida como un simple "servidor" dos galegos. "Eu só fun un intérprete dunha partitura estabelecida polos galegos e para os galegos, da Constitución española e o Estatuto de autonomía".

Após catro lexislaturas gobernando con maioría absoluta, Núñez Feixoo dimite asegurando que marcha "tranquilo" pois sabe que "a Galiza cordial segue en pé". Reiterou que nada o motivou e motiva máis que "os intereses desta Terra" e traballar baixo a máxima "todo cos galegos, nada sen Galiza". Mais é o primeiro presidente galego en dimitir e faino para dar o salto a Madrid.

A oposición

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou onte que coa dimisión de Núñez Feixoo, "empeza a conta atrás para o cambio" e para que "a Galiza teña un Goberno liderado polo BNG". A líder da formación nacionalista considera que "estamos ante un cambio de ciclo no que o PP representa o pasado e o BNG o futuro". "Sentimos nas rúas, sentimos no contacto que temos coa sociedade que a Galiza ten ganas de cambio, ganas de deixar atrás estes anos de desastre do Goberno do PP", manifestou.

Pola súa parte, Luís Álvarez (PSdeG), sinalou que “a Galiza ben merece outro tipo de Goberno” logo do proxecto “esgotado” do PP, que deixa como balance “unha estrada chea de curvas e de fochancas”. Sobre a sucesión, sinalou que será “mais do mesmo, que é o que aprendeu e o que vai facer Alfonso Rueda”.

Comentarios