O PP veta unha auditoría externa sobre os contratos de emerxencia da Xunta na pandemia

Os populares xustifican a adxudicación de case 300.000 euros por parte do Executivo galego a Proxectos Hospitalarios Internacional S.A. (Prhoinsa), empresa de material sanitario cuxo administrador único, Juan Carlos Ferreiro Casasola, é cofundador doutra compañía da cal a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, posúe o 50%. Esta información foi desvelada en exclusiva por Nós Diario.
Sesión plenaria deste 26 de abril no Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sesión plenaria deste 26 de abril no Parlamento. (Foto: Europa Press)

O grupo parlamentario do Partido Popular (PP) vén de botar abaixo a proposta levada ao Parlamento polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), e apoiada polo Partido Socialista da Galiza (PSdeG), para elaborar unha auditoría externa sobre todos os contratos tramitados por vía de urxencia pola Xunta durante a pandemia.

A encargada de defender esta iniciativa foi a deputada nacionalista Montse Prado, quen aludiu á exclusiva de Nós Diario sobre a adxudicación de case 300.000 euros por parte do Executivo galego a Proxectos Hospitalarios Internacional S.A. (Prhoinsa), empresa de material sanitario cuxo administrador único, Juan Carlos Ferreiro Casasola, é cofundador doutra compañía da cal a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, posúe 50%.

Despois de citar este contrato, Prado cifrou en "como mínimo 96 millóns de euros" as adxudicacións de emerxencia realizadas "sen ningún tipo de publicidade nin clarificación" e "só no ano 2020", mentres "en pleno confinamento había miles de persoas hospitalizadas e morrendo". "Cando todo isto ocorría, outros facían da traxedia un negocio", reiterou Prado.

A deputada do BNG tamén lembrou durante a súa intervención os "37 millóns de euros" adxudicados pola Xunta a Eulen desde 2009, compañía na que unha das directivas é Micaela Núñez Feixoo, irmá do aínda presidente galego, Alberto Núñez Feixoo.

Apoio do PSdeG á auditoría

Por parte do Grupo Socialista, que apoiou a realización desta auditoria externa proposta polo Bloque, o deputado Julio Torrado matizou que, se ben é xustificábel que se empreguen contratacións de emerxencia en situacións "moi difíciles" como as vividas durante a pandemia, non pode deixarse de lado a "transparencia".

"Este Goberno ten un historial comprometido en transparencia e, por tanto, convértese nun sospeitoso habitual. Se vostedes queren defender que son un partido moi limpo, hai que defender propostas como esta", insistiu Torrado.

Iniciativa "ridícula" para o PP

Na súa quenda de intervención, o deputado dos populares Alberto Pazos cualificou como "ridícula" a acusación da oposición polos contratos con Prhoinsa.

"Quero felicitar os servizos da Cámara, por conseguir limpar cunha baeta toda a lama que se verteu aquí. Ten todo o mérito", chegou a dicir Pazos.

O popular demandou "respecto" para unha Consellaría de Sanidade que, segundo el, o que fixo foi "adquirir pola vía de urxencia material sanitario a unha empresa que se dedica a vendelo", que "ten domicilio fiscal coñecido" e que asinou contratos "con todos os gobernos da Xunta". Ademais, defendeu que  Prhoinsa ofrecía o material "máis barato".

Comentarios