A Fiscalía Europea require a investigación ao irmán de Ayuso e sospeita que puido cometer unha "posíbel fraude de subvencións"

Pola súa banda, Anticorrupción negouse a entregar as investigacións na súa totalidade, xa que unha parte delas céntrase en presuntos delitos de corrupción nunha administración pública española.
A presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. (Foto; R.Rubio / Europa Press)
photo_camera A presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. (Foto; R.Rubio / Europa Press)

A Fiscalía Europea vén de solicitar na mañá desta sexta feira a investigación da Fiscalía española de Anticorrupción en relación ao contrato asinado polo irmán da presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, coa Comunidade de Madrid para a adquisición de mascarillas durante o confnamento.

A institución require así as dilixencias abertas polo departamento dirixido por Alejandro Luzón, xa que sospeita dunha "posíbel fraude de subvencións", que derivaría nun presunto delito de malversación de fondos europeos.

O contrato en cuestión, asinado por un proceso de emerxencia que permitía conceder contratos 'a dedo' durante o período de pandemia, foi abonado cos fondos Feder da Unión Europea (UE), polo que a Fiscalía Europea entende que é ela a que ten a competencia.

Pola súa banda, Anticorrupción negouse a entregar as investigacións na súa totalidade, xa que unha parte delas céntrase en presuntos delitos de corrupción nunha administración pública española.

Conflito de competencias

A Fiscalía de Anticorrupción entende que non se produciu malversación de fondos públicos europeos, algo que xa trasladou á Fiscalía Europea, mais acepta dividir a causa e só entregar o relacionado con eses fondos.

Neste sentido, o fiscal Alejandro Luzón xa presentou un conflito de competencias ante a fiscal xeral do Estado español, a ex ministra Dolores Delgado, para que medie nesta petición.

Para resorvelo, Delgado convocou para esta segunda feira, 28 de marzo, a Xunta de Fiscais da Sala, na que se analizará o caso e se estudará que organismo é o que ten as competencias finais á hora de investigar a presunta comisión destes delitos.

Comentarios