A exclusiva de 'Nós Diario' sobre a adxudicación da Xunta aos Ayuso chega ao Parlamento galego

O BNG exixe unha auditoría do contrato que a Xunta adxudicou sen publicidade ao cofundador dunha empresa da familia Ayuso durante a pandemia.
Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A exclusiva de Nós Diario sobre que a Xunta contratou sen publicidade co cofundador dunha empresa dos Ayuso vai chegar ao Parlamento galego, mediante unha proposición non de lei para debate na vindeira sesión plenaria, que decorrerá 26 e 27 deste mes.

Este xornal informou como Sanidade adxudicou 298.265 euros a Proyectos Hospitalarios Internacional S.A. (Prhoinsa) mediante un procedemento con negociación sen publicidade. Prhoinsa ten por administrador único Juan Carloso Herrero Casasola, segundo o Rexistro Mercantil. Este empresario foi cofundador de Sismédica SL, segundo desvelara Infolibre.

Esta é compañía da que Isabel Díaz Ayuso manifesta ter o 50% na súa última declaración de bens patrimoniais na Asemblea de Madrid. O administrador único de Sismédica é Tomás Díaz Ayuso, o irmán da política e intermediador dos contratos supostamente irregulares que acabaron, por tratar de investigalos, coa carreira de Pablo Casado.

O BNG defende unha proposición non de lei para elaborar unha auditoría externa nos contratos "negociados sen publicidade" e "realizados pola vía de urxencia" coa empresa de Prhoinsa.

Segundo apuntou a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, "tendo en conta todo o que se está coñecendo estes días e de como persoal vinculadas ao PP de Madrid aproveitaron a pandemia para facer negocio, queremos luz e  taquígrafos sobre esta cuestión aquí na Galiza", apuntou.

Crise e medidas fiscais

O aumento da inflación na Galiza por riba da media do conxunto do Estado e as posíbeis medidas fiscais que a Xunta porá en marcha para facer fronte á situación actual centrarán as preguntas da oposición ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no próximo pleno.

A sesión plenaria incluirá a comparecencia a petición propia do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, para abordar os resultados da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) 2014-2020. Non comparecerá por mor do veto do PP o conselleiro de Sanidade, tal e como pedía o BNG, para explicar a situación das listas de espera.

O PSdG levará inciativas respecto ao ensino e o BNG sobre a alza de prezos.

Comentarios