O PP veta que Contas audite os contratos da Xunta con Eulen

O Goberno galego adxudicoulle contratos por 37 millóns á empresa 
eulen feijoo
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, a súa irmá Micaela e a súa nai Sira, na noite electoral de 2020 (Foto: Europa Press)

O PP vetou nesta cuarta feira no Parlamento galego a proposta do BNG para que o Consello de Contas realizase un informe de fiscalización das contratacións públicas adxudicadas pola Xunta ao grupo empresarial Eulen dende o exercicio 2009. A formación nacionalista defendeu na comisión permanente para as relacións co Consello de Contas a necesidade de que o máximo órgano galego de fiscalización da xestión económico-financeira do sector público auditase as adxudicacións realizadas polo Executivo de Núñez Feixoo desde a súa chegada ao Goberno galego á compañía da que é directiva a súa irmá.

Ante esta negativa do PP, o BNG xa anunciou que vai presentar unha "batería urxente de iniciativas" na Cámara galega para esixir explicacións en sede parlamentaria ante un "posíbel trato de favor por parte do Goberno do PP a este grupo empresarial". 

Pola súa parte, o PSdeG acusou o PP de "falla de transparencia e de desprezo á oposición" para "tapar" o incumprimento das recomendacións do Consello de Contas por parte da Xunta. 

A deputada socialista Rodríguez Rumbo apunta que o feito de que o PP rexeite "todas as propostas socialistas", é unha mostra de que o traballo do Consello de Contas é “molesto” para esta formación.

Historia de Eulen

A historia da expansión do grupo Eulen na Galiza está ligada ao nome de Micaela Núñez Feixoo, irmá do presidente da Xunta, empregada da compañía desde 2003, delegada do grupo en Pontevedra e despois na Galiza e máxima responsábel da compañía para a zona noroeste do Estado, a súa actividade profesional está marcada pola polémica. Tanto é así, que deste outras empresas do sector dos servizos, explican os seus ascensos en Eulen como consecuencia do incremento da facturación do grupo nas Administracións galegas dirixidas polo PP.

A Xunta, desde a chegada de Núñez Feixoo á Presidencia en 2009, formalizou con Eulen contratos por contía de 37 millóns de euros. Así, o Goberno galego asinou nos últimos 11 anos 139 acordos a través de 11 das súas consellarías e de 17 entes dependentes da Xunta, como o Servizo Galego de Saúde, Augas da Galiza, Corporación Radio e Televisión da Galiza, Sogama ou a fundación Semana Verde da Galiza.

Os concellos do PP

Eulen abriu, tamén, portas nos concellos dirixidos polo PP. Neste sentido, en abril de 2012, o Concello de Ferrol, baixo a alcaldía de José Manuel Rey Varela, entregou á empresa da irmá de Feixoo a xestión dos equipamentos culturais de referencia da cidade, entre eles, o Teatro Jofre, o centro cultural Torrente Ballester e o futuro auditorio municipal situado no barrio de Caranza. Outro tanto, sucedeu en agosto de 2012 na Coruña, cando o Goberno local, presidido por Carlos Negreira, outorgou a Eulen por 2.265.741euros a xestión da rede de bibliotecas da cidade.

As Deputacións gobernadas polo PP adxudicaron a Eulen diversos servizos. En abril de 2012, o ente provincial da Coruña presidido por Diego Calvo entregou por cinco anos a xestión do Teatro Colón. Anos antes, a Deputación de Lugo, en mans de Francisco Cacharro adxudicou á empresa da irma de Feixoo o servizo de teleasistencia. Precisamente, o trato a esta compañía e as súas conexións co PP foron denunciadas desde hai máis dunha década.

Comentarios