O PP avanza os nomes que integrarán o futuro Goberno da Deputación de Pontevedra

Rafael Domínguez e Marta Fernández-Tapias serán vicepresidente e vicepresidenta da institución provincial.

Os concelleiros e as concelleiras do PP do partido xudicial de Tui ratirifaron esta quinta feira o nomeamento dos seus deputados provinciais. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os concelleiros e as concelleiras do PP do partido xudicial de Tui ratirifaron esta quinta feira o nomeamento dos seus deputados provinciais. (Foto: Nós Diario)

O Partido Popular avanzou esta quinta feira, 22 de xuño, a conformación do próximo Goberno da Deputación de Pontevedra, en cuxa corporación contarán con maioría absoluta.

A través dun comunicado, os populares confirmaron os sete novos integrantes do Goberno que presidirá o líder provincial do partido, Luís López ‘Lugués’, que tomaba posesión a semana pasada como concelleiro en Rodeiro (comarca de Deza) despois de que dimitisen un total de 16 integrantes da lista do PP no municipio.

Polo partido xudicial de Pontevedra, foron designados o presidente local do PP na capital, Rafael Domínguez, que será vicepresidente da Deputación; o actual portavoz do grupo provincial e alcalde de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra e Terra de Montes), Jorge Cubela; a rexedora de Marín (O Morrazo), María Ramallo; e a portavoz popular en Cuntis (Caldas), Isabel Couselo, que a medio mandato deixará o seu escano para cedelo ao alcalde de Portas (Caldas), Ricardo Martínez.

No partido xudicial de Tui, os deputados provinciais serán dous alcaldes, o do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o da Guarda (Baixo Miño), Roberto Carreiro, que aos dous anos cederá a acta a Lara Meneses, concelleira en Tomiño (Baixo Miño).

Tamén rotará o único deputado do partido xudicial de Ponteareas (O Condado): os dous primeiros anos terá a acta a alcaldesa da cabeza de comarca, Nava Castro, e os dous últimos farao o rexedor de Covelo (A Paradanta), Pablo Castelo.

Con estas sete designacións confirmadas esta quinta feira nas respectivas xuntas electorais, Lugués ten xa case fechado o seu Goberno, á espera de que esta sexta feira se designen os tres do partido xudicial de Vigo. Unha destas tres actas recaerá na presidenta do PP na cidade olívica, Marta Fernández-Tapias, que tamén será (xunto con Rafa Domínguez) vicepresidenta da institución provincial.

Novo deputado en Lugo

Por outra banda, o PP tamén avanza na configuración do seu grupo na Deputación de Lugo coa elección do alcalde de Cospeito, Armando Castosa, como deputado provincial polo partido xudicial de Vilalba (A Terra Chá).

A pasada cuarta feira, 21 de xuño, o PP de Lugo tamén facía público os seis deputados que lle corresponden do partido xudicial da capital: Carmen José López (portavoz do PP en Sarria), Antonio Ameixide (edil en Lugo); e os rexedores José Pardo Lombao (Outeiro de Rei) e Francisco Javier Balado (Castro de Rei), José Ángel Santos (Friol) e Jesús Manuel Núñez (As Nogais). Suplentes serán Héctor Coruxo (O Incio), Olga Igrexas (Triacastela) e María José Gómez (Guntín).

Ademais, os rexedores do Incio e Triacastela está previsto que se incorporen ao longo do mandato, rotando con Carmen Xosé López e Jesús Manuel Núñez.

A nova corporación da Deputación de Lugo constituirase o próximo 30 de xuño e espérase que volva ser elixido presidente o socialista José Tomé, quen gobernou o últimos catro anos en coalición co BNG.

Comentarios