Renuncian á acta 16 integrantes da lista do PP en Rodeiro para que Luís López poida presidir a Deputación de Pontevedra

O ex alcalde e actualmente delegado da Xunta en Pontevedra concorrera como último suplente da candidatura, polo que as persoas que o precedían deben renunciar para que así López poida formar parte do ente provincial como membro da corporación rodeirá.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e Luís López 'Lugués', presidente da Deputación de Ponrt nun acto recente. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e Luís López 'Lugués', nun acto recente. (Foto: Nós Diario)

16 dos 21 integrantes que concorrían —once como titulares e dez como suplentes— na candidatura do Partido Popular ás eleccións municipais do pasado 28 de maio no concello de Rodeiro (comarca do Deza) renunciaron esta cuarta feira ás súas actas para que, deste modo, o até o de agora delegado da Xunta na provincia de Pontevedra, Luís López Diéguez 'Lugués', poida tomar posesión como concelleiro no municipio e optar así a presidir a Deputación.

Segundo confirmaron á axencia EFE fontes do propio Concello, as renuncias producíronse ao longo desta xornada nun municipio no que, previsibelmente, o PP terá que ceder o bastón de mando o sábado.

Un pacto entre o PSOE e Unidade por Rodeiro desbancaría os populares, a forza máis votada mais perdendo a maioría absoluta, aínda que a menos de 48 horas da conformación do novo consistorio, o acordo entre ambas as forzas non está fechado.

A respecto dos movementos no grupo do PP local, as renuncias das 16 persoas que formaban parte da lista están orientadas a permitir que o ex alcalde —que concorría como número 21, o último suplente— poida tomar posesión dunha acta de edil.

Contar con este cargo é imprescindíbel para que López poida ser elixido como membro da Deputación de Pontevedra que aspira a presidir despois de que as eleccións do pasado maio devolvesen ao PP o goberno desta institución provincial. Con todo, para ser elixido concelleiro López tamén terá que acometer unha renuncia, pois deberá deixar o seu posto como delegado provincial da Xunta en Pontevedra.

Tras este movemento todo parece preparado para que López, presidente provincial do PP en Pontevedra, pase a ocupar tamén a Presidencia da Deputación en substitución da socialista Carmela Silva.

Comentarios