A vitoria do PP na Deputación deriva nun conflito no partido en Pontevedra

López toma vantaxe fronte a Fernández-Tapias como candidato á Presidencia da institución.
Marta Fernández-Tapias, Alfonso Rueda e Luís López no acto de fechamento de campaña das eleccións locais en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Fernández-Tapias, Alfonso Rueda e Luís López no acto de fechamento de campaña das eleccións locais en Vigo. (Foto: Nós Diario)

A conformación dos Gobernos nas deputacións galegas está marcando a axenda política das diferentes formacións. Mentres nacionalistas e socialistas dan por encarreirado o proceso na Coruña e Lugo, a elección do candidato á Presidencia divide os populares en Pontevedra. A situación máis complexa vívese en Ourense, onde a continuidade de Manuel Baltar é cuestionada desde o seu propio partido e desde a oposición.

Valentín González Formoso repetirá con seguridade á fronte da Deputación da Coruña. O actual secretario xeral do PSdeG volverá presidir un Goberno de coalición co BNG, que ve reforzada a súa posición en relación a 2019, tras gañar dous escanos. Neste sentido, a nova composición da Corporación adianta unha mudanza nas áreas de poder interno en beneficio da forza nacionalista.

En relación á Deputación de Lugo, as dúbidas sobre a continuidade de José Tomé despexáronse. O actual presidente do ente provincial manterase no seu cargo un mandato máis, acompañado no Executivo polos nacionalistas, que repiten resultados. A correlación de forzas da institución, a mesma de 2019, avanza un Goberno semellante ao actual, cun mesmo reparto de responsabilidades, se ben haberá mudanzas de deputados.

Deputación de Pontevedra

En Pontevedra, as diversas familias do PP pelexan por impor o seu candidato á Presidencia da Deputación. O aparato provincial do partido e a práctica totalidade dos alcaldes da circunscrición apostan por Luís López 'Lugués', mentres a dirección galega e a maioría da organización de Vigo e Pontevedra defenden a candidatura de Marta Fernández-Tapias. A batalla entre uns e outros semella revivir a vella loita entre “boinas” e “birretes” do PP do período fraguista. 

Luís López "Lugués", presidente dos populares pontevedreses e delegado territorial da Xunta da Galiza, conta co apoio maioritario da afiliación e séntese avalado polos resultados logrados pola formación na circunscrición, que malia conseguir 75.930 votos menos que BNG e PSdeG logra maioría absoluta na Deputación con 36,6% dos sufraxios.

Marta Fernández-Tapias, delegada da Xunta da Galiza en Vigo e candidata á Alcaldía da cidade, é unha das persoas máis próximas ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda. Foi Rueda quen a sacou da avogacía privada, en 2016, para nomeala directora xeral da Administración Local, impóndoa como presidenta do PP en Vigo, nun congreso marcado pola polémica interna.

A decisión final sobre o litixio está en mans de Rueda, mais neste momento López leva vantaxe. Malia que a primeira opción do mandatario galego, por amizade e proximidade ideolóxica era Fernández-Tapias, Rueda está a ser premido polos rexedores da circunscrición para que aposte por López, o que motivaría que nas últimas horas estea a reconsiderar a súa posición inicial. Na dirección galega do PP preocupa que se cree unha baronía arredor de López, algo que non ven posíbel con Fernández-Tapias. 

A chegada de López á Presidencia da Deputación racharía cunha norma non escrita na historia do partido na circunscrición, onde aqueles candidatos derrotados nas urnas, ligados ás agrupacións de Vigo Pontevedra, viñeron ocupando os cargos de máis relevo público, como aconteceu con Ana Pastor, Pilar Rojo ou o propio Rueda.

Deputación de Ourense

O sector da “boina” semella renacer en Pontevedra mentres perde forza no seu fortín de Ourense. Neste momento, a dirección do PP na Galiza négase a confirmar Manuel Baltar como candidato á Presidencia, malia que así foi presentado durante a campaña electoral das municipais. Ao tempo, o partido segue sen sumar maioría para continuar á fronte da institución, após diversas conversas coa Democracia Ourensá de Gonzalo Pérez Xácome.

O PSdeG xa anunciou que un dos seus obxectivos centrais é apartar Baltar da Deputación. Fontes da dirección dos socialistas consultadas por Nós Diario afirman que “a prioridade” do partido é que o PP deixe de gobernar a institución. Porén, rexeitan negociar con Xácome e recoñecen que todos os escenarios están abertos e que calquera hipótese é posíbel.

Comentarios